Jácome decide finalmente unir o xoves de comadres e o de compadres na praza Maior de Ourense
OURENSE

O goberno anulara a actividade do programa deste ano e o PSOE agradece a rectificación
20 feb 2025 . Actualizado a las 19:26 h.A decisión do goberno de Gonzalo Pérez Jácome de non incluír no programa do entroido deste ano a tradicional loita de mecos da praza Maior provocou críticas políticas. O rexedor rectificou onte, aínda que con matices, posto que anunciou que nesta ocasión será unha actividade conxunta das celebracións do xoves de compadres e do de comadres.
Así pois, o próximo día 27 repetiranse as carreiras na praza Maior coa participación de escolares de primaria dos colexios da cidade. Previamente, nos centros haberá obradoiros para elaborar os mecos, unha actividade que se sumará ás que tamén organiza o Concello para confeccionar máscaras.
O PSOE agradeceu que o goberno de Jácome «recuase» e pídelle que faga o mesmo con outros asuntos, como coa supresión das actividades de conciliación fora do curso escolar ou como coa convocatoria do consello municipal de igualdade.