
Miles de persoas deron a benvida ás pantallas e cigarróns en Xinzo e Verín
24 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O domingo corredoiro foi de novo un punto de inflexión no calendario do entroido ourensán. É certo que son varias as citas que anteceden a esta data na celebración e que cada vez contan con maior resposta do público pero a enchenta que se vive en Xinzo e en Verín cando chega esta xornada concreta é punto e aparte. E cada ano vai a máis. Onte as rúas e as prazas estaban a rebentar de veciños e, sobre todo, de visitantes con gañas de ver a estrea das máscaras tradicionais percorrendo esas dúas vilas do triángulo máxico ourensán. O tempo tamén axudou, sen dúbida, e o sol axudou a quentar o ambiente matinal, que non o ánimo do público que xa iba predisposto a pasalo ben.























Repetíronse os rituais públicos. Os privados, nas casas, mentres cada cigarrón ou pantalla vai poñendo con reverencia case relixiosa, peza a peza, a vestimenta que os une á tradición ancestral, sempre quedan na intimidade. Os cigarróns fóronse achegando ata a igrexa da Merced para formar o pasillo polo que cruzan os feligreses na saída do oficio relixioso dominical e recibir a bendición do párroco que lles desexa bo camiño. A partires de aí xa non queda máis que admiralos mentres percorren a vila do Támega pedindo paso expedito co son das chocas que os precede e reivindicando a autoridade que lle é propia nestas datas tras facer a parada na praza García Barbón par escoitar o pregón.
Pero aínda que ninguén lles discute que son os amos, o corredoiro é tamén un domingo de disfraces en Verín. Son moitos os veciños e visitantes que saen á rúa transformados en todo tipo de personaxes neste día e que se mesturan cos que simplemente acoden a coñecer a singularidade da festa e levar un feixe de fotografías nas cámaras ou móbiles. A música vai prolongando a diversión durante toda a xornada.
E tres cuartos do mesmo pasou en Xinzo. A capital da Limia pode presumir, con razón, de ter o entroido tradicional máis longo, e xa viviu dous domingos intensos, pero este sempre ten unha significación especial precisamente porque é o do primeiro lucimento das pantallas. Grandes e pequenas quedaron fronte ao Museo do Entroido para arrancar dende alí o primeiro desfile ao fío do mediodía entre aplausos.














Pero estas, con ser posiblemente as máis multitudinarias, non foron as únicas citas do entroido na provincia na xornada dominical. Na cidade foi o día do lucimento das pitas de As Eiroás que saíron a xogar coas olas. Tamén foi o día no que se viron os galos de A Mezquita e os folións en Trives no desfile organizado por Os Labregos.