A princesa de Asturias desembarcou en As Eiroás para salvar a Voda da Pita

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

As Eiroás representou a Voda da Pita
As Eiroás representou a Voda da Pita XMR

Os veciños do barrio renovaron a tradición do seu entroido representando o histórico enlace entre Antonio e Gumersinda

04 mar 2025 . Actualizado a las 19:01 h.

Di a tradición oral que nas Eiroás hai xa tempo que moraban dous viuvos que, por aquilo das cousas do amor, decidiron casar. Disto fai décadas, alá «polos anos nos que Fraga se bañaba en Palomares», e o costume do barrio era que os noivos convidasen aos veciños a unha festa para celebrar o matrimonio. Tamén conta a memoria colectiva que os tales, Antonio Guimarey e Gumersinda de Benavides —alcumada A Pita—, non quixeron saber nada de convites nin de soltar os cartos para a celebración veciñal, comezando daquela as coplas para vingarse do matrimonio de cotrosos.

Co paso dos anos Antonio e Gumersinda convertéronse en figuras de referencia obrigada no entroido de As Eiroás, que hai xa tempo conseguiu consolidar un novo personaxe na oferta ancestral da festa da despedida da carne: A Pita.

Como non podía ser doutro xeito, este martes de entroido lembrouse no barrio ourensán aquel episodio histórico nunha voda da Pita que é xa unha das citas obrigadas do programa festivo da cidade —xunto a Paquita e Nicanor, de Seixalbo, ou ao Frei Canedo da Ponte—.

 Cerimonia con IA

A voda serve todos os anos de termómetro do acontecer social e político, e desta volta non podía deixar pasar a oportunidade de referirse a algunhas das iniciativas que se foron dando nos últimos meses. A representación —a xeito de entremés co crego e a monxa como oficiantes, os noivos, a veciña que lle bota en cara que sexan tan amarrados e o garda civil que tenta pór orde en tanto rebumbio— comezou coa lectura da benvida á cerimonia por parte dun dos integrantes da comitiva das pitas (no móbil que o guión de papel xa está superado). No intercambio de papeis entre os relixiosos comezouse a oficiar o enlace coa axuda da intelixencia artificial. Aínda que a IA vese que non está preparada para isto dos ritos católicos, e houbo que retornar ao tradicional.

No desenvolvemento do oficio relixioso foron aparecendo referencias a cando o barrio se quedou sen auga hai anos, ás cousas que veñen «doutro lado do río», aos novos tempos nos que se te fas valer che poñen unha orquestra para a festa —no acto estaban o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e os concelleiros Rafael Martínez Cachafeiro e Noa Rouco— ou á estratexia de Feijoo para empregar a un dobre para poder estar en todas as frontes informativas. O tal, que en tempos xogou ese papel cando o dos Peares era presidente da Xunta, tampouco se quixo perder a Voda da Pita, e alí apareceu Luis Zahera para lembrarlle a todos os presentes na cerimonia a súa oposición ao proxecto da celulosa Altri.

Os retrasos do tren e a responsabilidade nos mesmos do ministro Óscar Puente, o papelón de Mazón —que non Amazon— na xestión da dana ou a referencia a Sumar tamén formaron parte do guión deste ano.

Conforme aos preceptos da relixión católica o crego rexeitou casar aos viúvos, por ter relación carnal nunha palleira antes da cerimonia. E foi daquela cando atracou Elcano en As Eiroás e se converteu en determinante a intervención de Leonor, a princesa de Asturias, que intercedeu por Antonio e Gumersinda para darlle a dispensa que necesitaban para poder casar.

Mais pouco lle durou a ledicia ao novo matrimonio, ao aparecer a veciña que lles botou en cara aos viúvos recen esposados a súa condición de amarrados, ameazándoos con andar en coplas polo seu desprezo á veciñanza. Menos mal que apareceu a Garda Civil, que andaba escasa de efectivos e só mandou a un axente, para pór orde naquel balbordo. Os novos tempos mandan e o uniformado, que chegou coa bandeira española decorada co aguilucho, veu co seu móbil na súa condición de autoridade e streamer.

 Ledicia, charanga e pitas

E como manda a tradición neste tipo de representacións, o remate chegou coa apoteose da revolta popular e das pitas contra o representante da lei, a ledicia dos veciños e os aplausos dos espectadores que gozaron dunha mañá solleira, da música da charanga e dun entroido diferente.