
O Liceo acolleu as actividades do Abril Oteriano
06 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Foi no mes de abril de 1976, o día 10, cando morría Ramón Otero Pedrayo e a fundación que mantén vivo o seu legado hai anos que celebra o Abril Oteriano para lembrar ao patriarca das letras galegas.
Este sábado desenvolveuse a primeira das xornadas do programa no Liceo de Ourense. Logo de presentar a iniciativa Eduardo López Pereira e Patricia Arias Chachero, en representación da fundación, pronunciou a primeira das conferencias Xesús Alonso Montero. O ex presidente da RAG centrou a súa intervención na singularidade da amizade e admiración que se profesaron Otero Pedrayo e Castelao. Pola mañá proceduse a entregar os galardóns do Premio de Relato Curto Otero Pedrayo e houbo unha conferencia de Carlos A. Baliñas centrada na súa lembranza persoal do lembrado, o proxecto de Galaxia e a xeración do xornal La Noche.
As conferencias da tarde correron a cargo de Augusto Pérez Alberti, Malores Villanueva e Antón Vidal Andión, que incidiu na relación de Otero Pedrayo con Galaxia.
O Abril Oteriano desenvolverá dúas actividades no domingo: unha misa na honra de Otero e dona Fita, a súa dona, en Santa Eufemia ás once da mañá. Despois haberá unha ofrenda floral ao patriarca das letras galegas no cemiterio de San Francisco.