Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Ribadavia pide á Xunta que arranxe con urxencia a OU-504 ao seu paso polo núcleo de San Cristovo

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

A estrada soporta un tráfico intenso
A estrada soporta un tráfico intenso Santi M. Amil

A estrada, coñecida como Eixo do Ribeiro, precisa melloras no firme da calzada e na seguridade

06 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O pleno do Concello de Ribadavia aprobou por unanimidade a moción impulsada polo grupo Ribeiro en Común na que se insta á Xunta de Galicia a acometer, con carácter de urxencia, as obras necesarias para garantir a seguridade vial na estrada OU-504 ao seu paso pola parroquia de San Cristovo de Regodeigón.

A iniciativa chega tras un importante investimento logrado no pasado mandato polo Concello que permitiu o arranxo integral das beirarrúas desta parroquia grazas ao apoio da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS). Pero a formación impulsou esta moción porque segue pendente a intervención comprometida pola Xunta hai máis de dous anos para mellorar o firme e adoptar medidas de seguridade na calzada.

O grupo Ribeiro en Común lembra que a OU-504, coñecida como Eixo do Ribeiro, comunica o centro de Ribadavia co seu polígono industrial e serve de conexión cara O Carballiño, San Cristovo de Cea e a autoestrada AP-53 Santiago-Ourense. Sinalan dende esa formación que o estado actual dese víal é inadmisible, especialmente ao seu paso polo núcleo de poboación de Regodeigón, onde a circulación é intensa tanto de vehículos como de peóns. A moción tamén subliña a demanda veciñal para dotar esta estrada de medidas efectivas para o calmado do tráfico que contribúan a reducir a velocidade dos vehículos, especialmente nos tramos máis próximos ás vivendas e zonas peonís.