Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Villarino desbota liderar o PSOE de Ourense nos próximos anos

La Voz

OURENSE

Rafael Rodríguez Villarino (PSOE).
Rafael Rodríguez Villarino (PSOE). CEDIDA

O senador, e secretario provincial en funcións, retira a súa candidatura para as primarias do seu partido

05 abr 2025 . Actualizado a las 12:12 h.

«É tempo de dar paso a un proxecto renovado que prenda cada vez máis ilusión na militancia socialista». Con estas palabras encabeza Rafael Rodríguez Villarino o comunicado no que anuncia a retirada da súa candidatura no proceso de primarias do PSdeG-PSOE ourensano. Coa renuncia de Villarino a militancia socialista da provincia de Ourense deberá escoller entre os outros dous candidatos: os alcaldes de Taboadela e Trives, Álvaro Vila e Patricia Domínguez respectivamente.

O ex alcalde de Amoeiro e actual representante socialista no Senado asegura que tomou a decisión «despois de analizar o escenario das primarias provinciais e compartir opinións sobre o futuro político do socialismo ourensán con moitas compañeiras e compañeiros». Para Villarino a súa renuncia debe ser o inicio dunha alternativa socialista de futuro innovadora, crible e apaixoante para a provincia. Aínda que non será o próximo responsable provincial do partido, agarda que a súa decisión sexa o paso necesario para favorecer á candidatura que mellor represente «a competencia, a renovación e a frescura de ideas e programas no seo do partido», sinalou.

No seu comunicado Villarino lembra que «no pasado puxen o meu liderado electoral a dispor para facilitar un goberno municipal á altura do concello de Ourense. E agora retiro a miña candidatura no partido coa esperanza de que agrome unha iniciativa política da que medren a xustiza social, a igualdade, a liberdade e o compromiso co servizo público que definen as nosas siglas».