
O trazado cubrirase en cinco etapas e un autobús levará e recollerá aos viaxeiros cada día
09 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Do 15 ao 19 de abril • 49 euros • Inscricións en www.conocegalicia.es ou no 988 253 359 • Ourense • A Deputación de Ourense, a través do Inorde, propón de novo un percorrido pola Vía da Prata para gozar deste trazado único a Compostela ao tempo que se coñece o patrimonio e a natureza dos lugares por onde vai o percorrido.
O organismo provincial hai tempo que mantén a aposta firme polo trazado que cruza a provincia. De feito, dende o Inorde incídese nese aspecto ao anunciar a nova convocatoria: «Unha iniciativa para impulsar o itinerario xacobeo Camiño Mozárabe-Vía da Prata para continuar a potenciar o incremento de peregrinos que actualmente vén rexistrando este Camiño Xacobeo».
A proposta ofrece a posibilidade de gañar a compostela —o certificado que acredita a peregrinación a Santiago— de forma sinxela e doada: un autobús levará todos os días aos participantes ao punto onde comeza a etapa e recolleraos no remate da mesma para retornar a Ourense e pasar a noite na casa. Unha fórmula que evita ter que ir cargados durante todo o camiño e que ademais ofrece a vantaxe engadida de que se dá tempo de sobra para realizar o percorrido sen forzar, para gozar da paisaxe e o patrimonio do trazado.
A actividade desenvolverase do 15 ao 19 de abril e o percorrido divídese en cinco etapas. O 15 realizarase o tramo Ourense-Cea (21 quilómetros), incluíndo a visita a Oseira. O segundo día o percorrido será de 22 quilómetros: Cea-Dozón-Puxallos. Na xornada do 17 os participantes chegarán a Silleda, logo de camiñar outros tantos quilómetros. A cuarta etapa, a do 18, irá de Silleda a Vedra-Santa Susana e ofrecerá dúas alternativas: a curta será de 23 quilómetros e a longa de 30. Os participantes na actividade do Inorde rematarán o camiño pola Vía da Prata o 19, cubrindo o tramo Santa Susana-Santiago, de 10 quilómetros.
Autobús de apoio e guía
A proposta para percorrer o camiño durante a Semana Santa contará ademais cun autobús de apoio á media etapa e cun guía especializado para axudarlles a descubrir o patrimonio cultural e natural da provincia. Pódese facer a inscrición por etapas (15 euros).