Roberto Vilar: «No espectáculo ?Continueixón? fálase de como se vive o humor e a comedia na aldea»
OURENSE

O cómico galego chega ao Auditorio este sábado cunha proposta na que haberá participación do público e sorpresa
11 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Volve de xira Roberto Vilar e faino cunha nova proposta escénica que lle dá continuidade ao seu anterior espectáculo. Aínda que como sinala non gardan relación entre si e o único elemento común é o seu obxectivo: facer rir e que gocen todo o posible os espectadores que acudan á sesión. «Continueixon» chega este sábado, día 12, ao Auditorio de Ourense (20.00 horas), con entradas a partir dos 20,90 euros.
—Cales son as diferenzas con «Celebreixon»?
—Naquel primeiro proxecto o que se facía era pór en valor o humor e a comedia a través a través da xente da miña familia e dos amigos próximos. «Continueixon» é unha idea diferente de entender o humor, máis rica, e ten que ver con como se vive esta realidade na aldea. Por así dicilo o primeiro era máis de vodevil e este novo espectáculo está máis apegado á terra e ás raíces. Non é que sexa mellor ou peor, son diferentes.
—Que define ao segundo?
—Cando vivía na aldea convivín moito con xente maior, e teñen outra maneira de ver a comedia, máis peculiar e dunha forma máis seria.
—Todo iso mudou moito dende que o mandaban a recoller o gando.
—Non vexas. Antes había unha relación maior e a xente vivía máis fóra. Agora, como xa pouco hai que facer, os veciños pasan a maior parte do día vendo a televisión ou co móbil. Só hai eucaliptos.
—Niso están ben servidos na Mariña.
—Xa che digo. Somos unha potencia eucalipteira mundial.
—É certo que mantén os complexos de cando estaba na aldea e quería ser de Xove ou de Viveiro?
—Iso sempre segue aí. Estás condeado a convivir con eles, aínda que teñan menos presenza, e o que tes que facer e convertelos nunha ferramenta ao teu favor e sacarlle rendemento.
—Disque foi unha ruína «Celebreixon» aínda chegando aos 170.000 espectadores. E iso?
—Pódese dicir que non gañei cartos, aínda que tampouco os perdín. Era unha montaxe moi grande, movendo un equipo de trinta persoas, e tal e como se organizou o espectáculo tiña moitos custos. Bueno, do que se trataba era de facer unha celebración e para que están os cartos senón para celebrar? Foi coma unha voda xitana!
—Propón un formato máis cercano e con sorpresas?
—Somos tres persoas sobre o escenario e hai moito show, música e, efectivamente, algunha sorpresa. Temos moita proximidade e interacción con público e trátase dunha montaxe para pasalo ben, como se estiveras tomando un viño cos amigos.
—Xirar polos teatros dá outra liberdade que non ten o formato televisivo?
—Si, lóxico. Tampouco se trata de ofender a ninguén nin ese é o obxectivo. Aínda que é obvio que nun espectáculo destas características, nun teatro ou nunha sala, non tes os condicionantes de estar nunha televisión pública.