A Xunta investirá 810.000 euros na mellora da estrada de A Arnoia

La Voz

A ARNOIA

cedida

A conselleira Ethel Vázquez visitou o comezo das obras na OU-402

15 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

No mes de marzo presentábase aos veciños da Arnoia o proxecto de mellora da estrada OU-402. As obras xa comezaron e na visita ás mesmas a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vazquez, sinalou que na primavera xa se poderá disfrutar do remodelado trazado. Para facer realidade o proxecto investiranse 810.000 euros. A actuación, lembrou a conselleira, mellorará a mobilidade dos veciños, facilitándolles desprazamentos máis cómodos e seguros. O obxectivo da intervención que promove a Xunta pasa por renovar e mellorar un treito de 1,6 quilómetos da estrada OU-402, incrementando a súa funcionalidade.

Para facer realidade este novo escenario procederase a ampliar a estrada ata os 7 metros de ancho e rectificaranse as curvas con radio reducido, mellorando a seguridade viaria e a visibilidade. Ademais, tamén se habilitará unha senda peonil ao longo de algo máis de 1 quilómetro, pola beira esquerda da estrada, de 2 metros de ancho, que se verá complementada coa execución dunha cuneta transitable ao longo de medio quilómetro. O proxecto inclúe a actuación na senda actual entre o acceso ao balneario e o núcleo da Arnoia e arredores, para renovala e mellorala, favorecendo a mobilidade a pé dos veciños.

Entre as melloras figura un carril central de espera no quilómetro 30,700, zona de intersección coa estrada provincial, e un cambio de sentido para contar con máis visibilidade e seguridade nos xiros. Tamén se acondicionará a entrada ao núcleo urbano da Arnoia.