Alfonso Grande: «En Ourense, non hai máis de tres avogados que fagamos a documentación en galego»
A MERCA
Especialista en dereito público, o letrado ourensán representa a comunidades de montes en mancomún
14 ago 2023 . Actualizado a las 18:47 h.Co monte comunal da Bacariza ao fondo, encontrámonos en Parderrubias (A Merca) con Alfonso Grande. Alí pasou os primeiros oito anos dunha infancia feliz, libre, nun pobo cheo de cativos que recibían clase na escola unitaria. O edificio estaba derrubado e arranxouse cos fondos da comunidade de montes, aínda que con outra utilidade: hoxe é un velorio.
«En Parderrubias os investimentos dependen máis da comunidade de montes que do Concello. Temos máis de 700 hectáreas que son do pobo. Sufriu un lume en 1978, pero hoxe está perfectamente conservado, repoboado e con cortalumes. Somos moi amantes do monte», comeza contando Alfonso. A xestión do monte veciñal permite que Parderrubias luza como unha aldea ben coidada, cos camiños rozados e limpos e con local social. Os cartos mesmo dan para financiar as festas e para sufragar os gastos da igrexa. Nese entorno, vendo como o monte, o campo e a venda do leite das vacas foron o sustento de moitas familias e permitiron dar estudos a rapaces da súa xeración, criouse Alfonso Grande. Hoxe representa legalmente como avogado a moitas comunidades de montes para as que ten conseguido que se recoñezan dereitos ou prezos xustos en expropiacións de estradas, en negociacións con empresas eólicas ou para que Concellos recoñecesen propiedades veciñais.
O gusto polo dereito e xestión públicas descubriuno en Barcelona, onde se trasladou para vivir cos pais retornados de Alemaña e onde estudou a carreira. «Chegeui no 1974 e en Cataluña xa empezaban co ensino en catalán. Eu pasei do galego ao catalán sen a fase intermedia do castelán», rememora. Na escola de Parderrubias os rapaces só falaban castelán diante do mestre. Agora, sorpréndelle, poucos nenos por baixo dos sete anos falan a lingua autóctona.
Resúltalle máis fácil escribir en galego e por iso desde sempre prepara as demandas e todos os escritos do traballo en galego. Cando empezou a exercer en Ourense, só Nemesio Barxa o facía nesta lingua. «Hoxe, non hai máis de tres que o fagan. Os xuíces e os funcionarios dos xulgados animaban para cumprir a lei e que houbera pluralidade lingüística. Protestaban máis os compañeiros. Fáiseme dificilísimo de entender que nun sitio como Ourense, con máis do 60 % da poboación galego falante, sexamos só tres avogados, como moito, os que facemos a documentación en galego». En Cataluña, di, pasaba o mesmo. Pensa que isto sucede porque a Xustiza ten unha inercia que provoca que vaia ser o último ámbito ao que chegará o bilingüismo.
En Barcelona, xa antes de rematar a carreira de Dereito, Grande xa traballaba de asesor nunha Generalitat que daba os primeiros pasos. Tamén foi xuíz de provisión temporal uns meses. «Nos xulgados da periferia de Barcelona era un desastre, había preitos civís que levaban alí oito ou máis anos. Atendíamos os temas penais do día a día, lanzamentos ou divorcios», lembra. O atasco segue, pero houbo tempos peores. «A Xustiza funciona mal porque necesita medios. Na función pública hai poucos sitios nos que traballen tanto como nesta Administración. Faltan máis xulgados ou buscar sistemas alternativos de resolución de conflitos», opina. En Ourense, e sobre todo nos xulgados pequenos, é un luxo traballar, puntualiza.
Alfonso Grande é funcionario, en excedencia, do grupo A da Generalitat. Alí seguen case todos os compañeiros que comezaron con el. No seu caso, o servizo militar fíxolle cambiar o destino. «Fora pedindo prórrogas ata os 27 anos. Teño unha anécdota: o Jordi Pujol firmoume persoalmente unha carta dicindo que eu era un tío imprescindible para os servizos da Generalitat, para ver se libraba. Mandáronme a Melilla!», ri. Alí reflexionou. A vida na grande cidade non lle gustaba e, mediados os anos 90, decidiu volver a Parderrubias e vivir rodeado de natureza.
DNI
Quen é. Alfonso Grande Pérez naceu no ano 1967 en Parderrubias (A Merca).
Profesión. É avogado.
O seu recanto. Parderrubias, co monte comunal no fondo.
«Os veciños cobran 25.000 euros por cada torre eólica»
Empezou con todo tipo de casos, mais Alfonso Grande pronto comezou a levar os asuntos que máis lle gustaban: os montes e as administracións locais. «Os Concellos teñen poucos cartos e moitos preitos. Na provincia de Ourense, o 30 % da superficie é monte en man común e hai comunidades que moven moita xestión económica. É un ámbito bonito e con futuro», salienta. Negociou contratos para acadar prezos xustos para os xestores dos montes veciñais pola instalación de parques eólicos. «Nos primeiros tempos firmaban por 1.100 euros o megavatio instalado; agora na provincia ningunha comunidade firma por menos de 4.500 euros o megavatio. Significa que, por calquera torre que se instala de seis megavatios, os veciños cobran 25.000 euros ao ano». Defínese como ecoloxista, pero defende esta vía de ingresos para o rural. «Non ten sentido encher todo de eólicos, fai falta planificar e cumprir todas as prevencións ambientais, pero non pode vir un grupo de presión de fóra dicirlle aos veciños ou aos Concellos que renuncien a 500 ou 600 mil euros o ano por instalar 15 ou 20 torres eólicas, se o votan o 97% dos propietarios».
Unha etapa da que se sinte orgulloso foi a de concelleiro do BNG en Celanova. Cre que foron alternativa e mantén a militancia. «A política é algo social. Non vale pensar que as túas ideas son as mellores ou que vas salvar o mundo. Hai que ceder e ter proxectos asumibles pola maioría».