Xosé Vázquez, futuro alcalde de A Teixeira: «Hai que aumentar a axuda no fogar e mirar polos maiores de 80 anos»

María Cobas Vázquez
maría cobas OURENSE / LA VOZ

A TEIXEIRA

Xosé Vázquez será elixido alcalde o sábado 17.
Xosé Vázquez será elixido alcalde o sábado 17. LOLITA VÁZQUEZ

El BNG gobernará en maioría dando un cambio a máis de tres décadas do PP

09 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xosé Vázquez Rodríguez (A Teixeira, 1960) chámanlle Pepe uns e Beiras outros. O primeiro é hipocorístico do nome e o segundo deixa ás claras que o seu co nacionalismo vén de vello. Xa no 1995 intentou ser alcalde polo BNG. Estivo na oposición oito anos e despois decidiu dar un paso atrás. Seguía indo nas listas, pero os candidatos eran outros. No 2019 volveu de número dous e saíu elixido concelleiro. Daquelas o BNG quedou a apenas unha ducia de votos de conseguir a terceira acta. Vían no partido ventos de cambio e pedíronlle a Pepe que volvera liderar a lista. O domingo 28, os nacionalistas conseguiron catro concelleiros por tres do PP. Pepe será alcalde en maioría, o primeiro do Bloque.

Vázquez non vive na Teixeira senón que ten a súa residencia habitual en Allariz. «Vou e veño todos os días, e paso aquí todas as fins de semana e tamén parte das vacacións», conta. Vai decote porque na Teixeira Pepe, prexubilado de Finsa, ten a súa casa familiar e a súa adega. «Aquí o 90 % temos viña», di. No 2000 decidiu poñer as súas en rendemento. Elabora Século, un viño amparado pola denominación de orixe Ribeira Sacra.

—¿Que será o primeiro que fará?

—O primeiro que temos que facer é mirar polos servizos sociosanitarios. Agora mesmo hai tres persoas traballando en axuda no fogar e creo son escasas. Hai que mirar a fórmula de aumentar a dotación de persoal porque é un servizo básico. Había dúas e agora con tres non dá tampouco. Necesitamos unha cuarta persoa. E tamén queremos mirar pola xente de máis de 80 anos que vive soa na casa. Queremos que vexan que hai xente preocupada por eles, visitándoos cada pouco e axudándoos co que precisen, como pode ser léndolle unha carta que non entenden. Despois tamén é importante facer unha boa xestión medioambiental. Non pode ser que a Xunta che mande as brigadas a partir do mes de maio. Os camiños e todo o contorno dos núcleos de poboación teñen que estar limpos antes de que veña o mes de agosto, porque despois en verán vén un lume e... Iso é o que intentaremos mellorar.

—Fala un plural. ¿Que tal vai de equipo?

—Teño un equipo moi bo, de xente implicada. E non falo só da xente que saíu elixida, senón do grupo de traballo que fixemos e que nos axuda. Temos unha persoa que se vai encargar de mirar os boletíns oficiais todos os días, por exemplo, para ver as convocatorias de axudas e demais. Formamos un grupo no que imos colaborar todos. E o que pretendemos é falar cos veciños cando se vai facer algo. Pretendemos consultar as cousas a facer, priorizar os cartos a gastar segundo o que pida a xente, porque ata o de agora vimos que se fixeron cousas sen consultar coas persoas do lugar. Aquí hai algún miradoiro no que só se ve a 300 metros e en cambio os propios veciños dinche que poñéndoo noutro sitio habería vistas espectaculares.

—¿Cando foron conscientes de que desta volta si que tiñan a alcaldía na man?

—A xente dicíanolo. Xa fai catro anos vimos que o proxecto do PP estaba esgotado. Levaba moitos anos. E nos últimos meses era cada vez máis o apoio que nos chegaba. Desde o 15 de decembro tiñamos a lista perfilada, e todo con xente de aquí, nós non temos que ir a paracaidistas. Que con catro listas como houbo, é a hostia. Pero cando íamos falar cos veciños víamos outra actitude.

—Miguel Antonio Cid, o actual alcalde, leva no cargo desde 1995. ¿Vén con esa idea de estar moito tempo?

—Eu teño claro que non vou botar 16 anos na alcaldía, xa non digamos trinta e tantos. Pero non é preciso que estea eu, temos moita xente moi boa, podería ir calquera de cabeza de lista.