O campión que non quere un trato especial

mar gil OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

miguel villar

O ciclista allaricense Iván Feijoo ten un brillante expediente académico e quere cursar Medicina

10 abr 2017 . Actualizado a las 17:21 h.

Iván Feijoo Alberte (Allariz, 1999) non ten que facer ningún esforzo de memoria para protagonizar este encontro entre pupitres. O tempo non é pasado no seu caso, senón presente. E o escenario, unha das aulas de 2º de Bacharelato do colexio Carmelitas, é o seu día a día porque o campión ciclista ourensán compaxina sen despeitearse a asistencia a clase, os adestramentos, as competicións por todo o mundo e un expediente académico que lle permite aspirar a cursar Medicina na Universidade de Compostela o próximo curso.

«É un alumno diferente e é unha vida diferente», asegura ao seu lado Maló Atrio, a súa titora e a mestra que el escolleu como referente. Pero, matiza, «el quérea vivir coma os demais. Eu del aprendín que se pode compaxinar ser unha estrela coa humildade. Podemos falar da súa intelixencia e das súas capacidades, tamén do seu moitísimo esforzo persoal pero, sobre todo, falando de Iván, hai que falar da humildade. El nunca che pide un trato especial, non quere excepcións».

E iso que a lexislación lle outorga unha serie de beneficios por ser un deportista de alto rendemento. O que máis lle interesa agora é a reserva dunha porcentaxe das prazas universitarias nas distintas facultades. Na práctica supón que terá que competir só con deportistas coma el pola nota de acceso e non con todo o alumnado. Tal vez, co seu expedente, non precise esa vantaxe, matiza Maló, pero é un colchón que se agradece.

Con 18 anos aínda sen cumprir, lonxe lle quedan a Iván as pedaladas iniciáticas en Allariz e os primeiros adestramentos no club José Antonio Hermida de Maceda, con 7 anos: «Eu xoguei ao baloncesto ata 2º ESO e combinábao co ciclismo e cos estudos, pero non podía con todo e decidín deixar o baloncesto».

Foi tamén o momento do cambio de centro: «Un cambio grande porque, queiras que non, o instituto de Allariz é pequeno e Carmelitas parecíame inmenso. E, sobre todo, cambios como a Eucaristía cada mes ou cada dous meses, e que a relixión estea presente no centro».

Esa é, precisamente, a materia que lle imparte a súa titora este curso, Maló Atrio. «Dáme Relixión desde 3º e eran das clases que máis me gustaban polos valores que transmitía. Ademais, axúdame e asesórame moito coas viaxes», agradece Iván.

«A verdade é que sempre tivemos feeling -retruca Maló-, pero eu non o vexo como el di, ao contrario. É tan autónomo que me parece que o teño algo esquecido, que tiña que estar máis pendente. Iván non dá traballo ningún, e a súa familia tampouco, son xente que confía e iso agradécese moito no ensino. É todo moi tranquilo con eles. Ter unha estreliña na casa e levalo con esa tranquilidade é un mérito... A min iso axúdame moito».

Un calendario guía

Como tamén o fai, no día a día, o calendario a toda cor coas competicións ciclistas de Iván. Foi un agasallo-ferramenta que lle proporcionou á titora a principios de curso para poder casar as clases cos continuos desprazamentos.

«En 1º de Bacharelato empecei a facer viaxes longas pola Copa do Mundo. Cando me toca desprazamento -detalla Iván-, collo o avión o venres, o sábado adestro no circuíto, o domingo compito e o luns volvo coller o avión de regreso». En total, apunta a mestra, perde 14 horas de clase. «Pero sempre levo o libro, se non... -apunta Iván-. No avión vou lendo algo e despois de adestrar, antes de cear, tamén lle pego algo».

Con ese panorama, o apoio dos compañeiros e dos profesores é crucial cando Iván se baixa da bicicleta e volve ao pupitre: «Chego a clase e pregúntolles que fixeron; se hai apuntes, pásanmos ou fotos polo móbil».

«A un neno como Iván -engade Maló Atrio-, a xente fai o que lle pida porque se fai querer. É certo que el aproveita moi ben as clases e que ten unha gran capacidade de atención e, ademais, forza de vontade e resistencia. Ás veces, con algunha competición, pensas que vai vir mallado, pero non, el rende igual esa semana».