O rexedor de Allariz, Francisco García, afronta o seu derradeiro ano de mandato satisfeito da xestión municipal e da situación socioeconómica
18 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Francisco García Suárez está a vivir o seu derradeiro ano como alcalde de Allariz. Anunciou que as de 2015 serían a últimas eleccións ás que se presentaba e mantense nesa decisión. O nacionalista leva no cargo desde o ano 2000. Un tempo dabondo para desenvolver políticas e proxectos e para sementar ideas e liñas de traballo que espera que sigan dando froitos. Unha das súas teimas nos últimos anos foi procurar un desenvolvemento do sector primario. Amosa unha foto aérea de Allariz de hai trinta anos, coa vila rodeada de campos cultivados. Iso non volverá, pero García cre que pode, e ten que haber, vida no rural alaricano, onde hai 90 núcleos de poboación. A débeda municipal contraída é unha das críticas que se lle fan, pero García defende que o Concello actúa como locomotora e ten solvencia e patrimonio.
-Vai ser realmente este o seu último mandato?
-Si o é. Foi un mandato que iniciamos co propósito de incidir na liña estratéxica do BNG en Allariz, dándolle novo impulso á xeración económica e á creación de emprego. Allariz tivo a capacidade de resistencia, aínda que se notaron os efectos da crise. Saíron datos de que só oito concellos de Galicia foron capaces de manter actividade económica e emprego, e Allariz foi un deles. O sector servizos xa é un referente pola súa oferta singular, con aloxamentos e espazos con encanto. Máis alá deste sector e do parque empresarial, no que hai 400 traballadores, era o sector primario no que máis necesario era facer fincapé. Sentímonos razoablemente satisfeitos da marcha da política municipal e da situación socioeconómica de Allariz logo destes anos. Estamos nun incremento demográfico que contrasta con outros concellos da provincia. Hai 403 nenos de menos de catro anos. Desde o ano 2000 Allariz medrou en máis de mil habitantes e superouse a barreira dos seis mil. Iso sen ter unha comarca tan definida como Ribadavia ou Celanova, que perderon 500 habitantes tendo condicións similares.
-O Concello consegue financiar os seus programas?
-O Concello ten un 22 % de aforro bruto, 1,2 millóns de euros. Unha parte dedícase a investimentos e outra ao saneamento financeiro. As colaboracións con outras administracións téñense reducido de xeito significativo. Estamos incluídos nos plans básicos, como os provinciais, e é reiterada a discriminación que sufrimos os concellos de Ourense fronte ao trato que teñen o resto dos municipios galegos. Pero tamén na Xunta ten habido unha redución significativa. Boa parte das accións son con fondos municipais.
-Esta encorsetado economicamente o Concello?
-O modelo de financiamento é inxusto. O Estado non ten en conta que a prestación de servizos é mais custosa se hai moitos núcleos diseminados, como en Allariz. Temos paliado a caída de subvencións. Pero seguiremos solicitando esa colaboración doutras administracións, por exemplo para o espazo multiusos, con auditorio e recinto feiral.
-O BNG está sólido?
-Está sólido en todo o concello, gañamos en todas as mesas. Estamos recoñecidos a ese apoio, que non é fácil tendo en conta que houbo un incremento do 20 % da poboación. A xestión municipal en Allariz é de moita participación social, implicación e debate. O goberno municipal está ao servizo do pobo e estamos moi satisfeitos de que en todos estes anos non tivésemos nin un só caso de deshonestidade ou corrupción. Faise fincapé no valor da política.
-Preparan o relevo xeracional?
-No BNG imos debater. A etapa de Paco en Allariz levando a remuda o desde o ano 2000 toca ao seu fin e iniciarase outra nova. Temos proxecto, que é o máis importante, e temos equipo.
-Hai un novo líder aí?
-No grupo municipal hai persoas, entre os tenentes de alcalde, que poden asumir a alcaldía. Teremos que reflexionar no BNG.
«É necesario que haxa actividade no sector primario»
No despacho da alcaldía hai algúns dos produtos do agro creados en Allariz, como o queixo do Rexo, embutidos ou mel. García defende a aposta polo sector primario, para diversificar a economía local.
-A aposta polo medio rural, non vai contra a tendencia que afecta a todo o interior da península?
-Dos 6.200 habitantes de Allariz, case 4.000 están na vila. Hai trinta anos a situación era á inversa. É necesario que haxa actividade no sector primario. Non só para a dinamización económica senón para frear o despoboamento, o abandono dos núcleos rurais e os problemas que isto xera, como incendios ou proliferación de fauna salvaxe. Temos 50 bois adquiridos á comunidade de Penamá e pagamos 500 euros por becerro que se deixe pastorear na propiedade. Custa levar isto adiante porque hai unha desvalorización do campo e é unha renda complicada de conseguir, pero Allariz xa é un reclamo para moitos produtores e estamos abrindo novos camiños.
-A iniciativa privada xa vai por si soa ou ten que seguir impulsando o concello?
-Sempre concibimos o goberno municipal como algo global, non só pensando nas obrigas inmediatas, senón actuando para crear un escenario para que a iniciativa privada poida apostar. Allariz é indicativo diso. No ano 1989 a situación era de encefalograma plano e había a crenza de que non podía haber comercio por estar preto de Ourense. Houbo que cambiar ese esquema mental, pensar que os cen mil habitantes de Ourense poderían vir aquí se facíamos unha boa oferta. Non deixamos de estar atentos porque o escenario é cambiante.
-Que quedou pendente?
-A posta en valor do noso pasado medieval, co Centro de Interpretación da Idade Media. De cara ao futuro, a mellora da EDAR. E logo, hai proxectos de longo percorrido, como o da produción da carne de boi.