Cristina Cid, alcaldesa de Allariz: «Se algo caracteriza a esta vila ourensá é a súa calidade de vida»
ALLARIZ
Gobernada polo BNG dende o ano 1989, a vila é un referente en rehabilitación
30 mar 2023 . Actualizado a las 09:28 h.Cristina Cid, alcaldesa de Allariz do BNG dende o 2018, repasa as claves que motivaron o despegue desta vila ourensá, coa rehabilitación urbanística como eixo dun proxecto que arrancou hai xa máis de tres décadas e que vai polo terceiro rexedor nacionalista. Cid, que segue o plan ideado polos seus antecesores, repasa todo o feito en Allariz nunha entrevista conducida por María Meizoso nas instalacións de La Voz de Galicia en Sabón. Pódese ver completa tanto na web como nas redes do xornal.
—Que Allariz lle deixou Paco García?
—Deixou un Allariz excepcional, porque o máis importante é ese orgullo e ese sentimento de pertenza. Ese é un legado que se lle debe a Anxo Quintana nun primeiro momento e a Paco García. Tamén deixou un legado importante en infraestruturas ou en servizos que son un exemplo a seguir por parte doutros concellos en materias como os servizos sociais.
—Cal é o papel que xoga a rehabilitación no crecemento da vila?
—O cambio urbanístico e a rehabilitación foron aquilo polo que máis se coñeceu a Allariz nun primeiro momento. Houbo uns criterios moi acertados e fomos unha avanzadilla naquel momento. Antes, hai máis de trinta anos, considerábase que ter un casco histórico era un problema, e nós xa diciamos que era un gran valor e unha oportunidade para o desenvolvemento económico. Ese proxecto do casco histórico e o entorno do Arnoia foi o despegue cun traballo moi intenso que levou a Allariz ao nivel que ten hoxe. Falamos de rehabilitacións para concesións de cafeterías, hoteis, fábricas de curtidos que agora son museos... En Allariz deuse esa rehabilitación arquitectónica e funcional, e todo iso acompañouse de programas de dinamización económica e social. Outro acerto foi que todos os edificios administrativos están no casco histórico.
—Lograron encher esas rúas de vida. Como o conseguiron?
—Aprendemos pronto que tiñamos unha xoia que era o casco histórico. Poñelo en valor, xunto co río Arnoia, ía darnos unha moi boa posición en turismo. Fixemos unha oferta segmentada que se complementara con ese patrimonio e iso deunos a oportunidade de crear postos de traballo e completar con poboación visitante o funcionamento de servizos que son importantes para a poboación local. Iso deu lugar a proxectos como os outlet de Allariz, que nos permiten gozar dun comercio de maneira autosuficiente e que veña xente de fóra a comprar. O mesmo sucedeu coa hostalería, e iso hai que unilo a todo o produto de quilómetro cero que se produce en Allariz, e coas intervencións en espazos naturais para configurar un proxecto turístico diferenciado.
—En que basearon a súa dinamización económica?
—É impensable gobernar un concello se non coñeces cada milímetro do territorio. En Allariz descubrimos pronto os recursos que tiñamos. O primeiro, a súa historia, tanto material como inmaterial. Iso fixo posible poñer en valor e ter un proxecto turístico ligado a ese patrimonio. Tamén sabiamos que tiñamos o 70 % das superficies agrarias forestais en abandono e non podiamos esquecelas. Por iso puxemos eses espazos a producir e puxemos en marcha explotacións de gandería en réxime extensivo. Tamén temos un proxecto con artesáns e somos dos poucos concellos galegos que promoveron solo industrial desde a Administración local.
—Cre que deron calidade de vida aos veciños?
—Humildemente, penso que si. Se algo caracteriza a Allariz, ademais da dinamización económica, é a súa calidade de vida. Allariz crece de forma sostida en poboación nos últimos trinta anos. En todas as estatísticas no Estado interior, somos uns dos poucos concellos que teñen ese crecemento. Iso débese á calidade de vida que fai que a xente moza opte por establecer a súa residencia en Allariz, porque hai un nivel de servizos e equipamentos que nos permiten competir coa capitalidade da provincia. Falamos dun programa cultural intensivo, de escolas deportivas municipais, de programas sociais novos, dunha cidade deportiva, dunha piscina climatizada ou de ter todo o ciclo educativo en Allariz. Iso dá expectativas de futuro porque falamos dunha pirámide de poboación que recuperou a súa forma. Temos unha poboación de entre 0 e 18 anos que excede as mil persoas. Hai que pensar que na vila residen 4.320 e que na totalidade do municipio hai 6.500.
—Que balance faría do mandato?
—Foi un mandato atípico con dous anos de pandemia con restricións e confinamento. A mellor conclusión que podemos sacar é que nestes catro anos o proxecto de Allariz resistiu pese a ser testado nas peores circunstancias, e aínda así seguemos crecendo.
—Hai materias pendentes?
—Temos dúas: unha é a ampliación da depuradora e a outra é o desenvolvemento de áreas de reparto. Temos que poñer chan á disposición para a xente que quere establecer a súa residencia aquí.
—Como encara a cita electoral?
—Con moita humildade. A pesar de crer que fixemos un traballo importante, hai que ter claro que é froito do noso traballo e dos anteriores grupos de goberno, pero tamén colectivo cunha participación elevadísima da poboación. Hai que ser honestos e conscientes, pero non lle compramos a ninguén a receita da resignación. Sempre se di que o interior non ten solución e que hai que resignarse e nós nunca compramos ese discurso.
«Respondemos a ese modelo de concellos do BNG de manual»
Na entrevista a Cristina Cid tamén estivo presente o arquitecto Juan Seara, que ten un estudio nesta vila e que firma rehabilitacións premiadas como a da Casa da Viña. Seara destacou o éxito do modelo de Allariz, que el viviu en primeira persoa: «Teño dúbidas de que o caso de Allariz se poida extrapolar a outros lugares. Allariz parte duns vimbios radicalmente diferentes aos de outros sitios. A posta en valor do noso patrimonio histórico e natural foi fundamental, pero este modelo ten moito que ver coa xente de Allariz». Segundo explicou, os veciños tomaron conciencia colectiva e política da realidade da súa vila e decidiron actuar en consecuencia. «A parte de aí, desenvolveuse un proxecto cheo de autoestima e de orgullo», dixo.
Precisamente sobre ese modelo de Allariz tamén falou Cristina Cid: «Respondemos a ese modelo de concellos do BNG de manual que pasa por dotar de calidade de vida á veciñanza e provocar o desenvolvemento económico. Somos un bo exemplo e as estratexias pódense trasladar. A nós tamén nos gusta visitar outros concellos e empaparnos de exemplos de mobilidade como os de Pontevedra, ou os transfronteirizos de Tomiño ou o que se fixo en Betanzos no que ten que ver co comercio local». O que hai que facer despois, subliñou, é modelar os proxectos á realidade de cada territorio.
Para o arquitecto Juan Seara é necesario poñer en valor o feito en materia urbanística e de rehabilitación en Allariz, sobre todo nun momento en que os criterios non estaban tan claros. «O criterio dunha boa ou unha mala rehabilitación non está agora tan en dúbida, pero hai vinte ou trinta anos os termos de mobilidade dun casco histórico estaban por facer e non había referencias. O urbanismo sempre se percibiu como a maneira na que colectivamente construímos fisicamente a nosa vida en común», indicou.
Con moitos acertos e con algún fallo, explicou Seara, o modelo urbanístico de Allariz foi o de éxito: «Aos que fomos testemuñas deste proceso non nos fai falta imaxinar como van ser os próximos vinte ou trinta anos. A liña que se comezou naquel momento era unha liña pioneira, porque temos que ter en contar o que era a Galicia de finais dos anos oitenta».