As agrupacións protagonizaron este venres a procesión de bandeiras, abrindo o último fin de semana da celebración
01 jun 2024 . Actualizado a las 10:49 h.Se algo ten a Festa do Boi é historia e os encargados de remontar a celebración á época medieval son os gremios. Os diferentes grupos de amigos sosteñen a parte máis cultural da cita coa procesión de Xan de Arzúa como a súa gran mostra e este venres coa procesión de bandeiras. Así, as carreiras do boi se compaxinan ca programación cultural.
Cada ano, un gremio diferente é o encargado de baixar a bandeira galega dende o Castelo. Esta vez foron os foleiros os que encabezaron a procesión ata o balcón da Praza Maior, onde acomodaron o Xan de Arzúa e colgaron a bandeira. Bernardo Gallego é un dos membros desde grupo dende hai uns 20 anos e baixaron a bandeira por primeira vez. Este alaricano de 46 anos lembra que a tradición dos gremios é algo recente en comparación ca historia da festa e asegura que cada vez son máis os veciños que se animan a ter o seu propio grupo ou pertencer a un: «Incluso a xente que se asenta na vila quere unirse». De feito, as novas xeracións, conta Bernando, xa ven os gremios como unha tradición que existe dende sempre aínda que se remonte a uns 20 anos atrás.
A procesión das bandeiras faise dende hai uns dez anos. «Foise aumentando o peso dos gremios na festa», conta. O foleiro defende que estas agrupacións son unha parte moi importante da festa e cara onde ter que ir nun futuro, a por unha faceta máis cultural. Aínda que é consciente de que é a parte máis descoñecida da festa para os visitantes de fóra de Allariz, cre que cada vez se vai facendo máis sitio aos actos que recrean a época medieval na que naceu. Unha vez rematou a procesión, a verbena fíxose de novo cas rúas de Allariz, que vive hoxe e mañá o último fin de semana da festa.