Adrián Estévez: «A enciclopedia galega en rede está moi ben posicionada en Wikipedia»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

AMOEIRO

MIGUEL VILLAR

Implicado en darlle visibilidade a Galicia en Internet, anima á xente a que colabore creando novas entradas e contidos

16 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Adrián Estévez (Pontevedra, 1983) é o dinamizador cultural da Fundación Otero Pedrayo. O traballo nas redes, a organización de actividades en Trasalba, a elaboración e revisión de textos para os proxectos de reedición da obra do patriarca das letras galegas e a xestión de iniciativas na fundación son os seus cometidos.

O programa de outono na casa grande de Cimadevila, que tivo o seu remate co magosto popular, ou a presentación do libro que recolle o guión de Otero Pedrayo para o cine foron as últimas propostas. De cara ao ano 2019 en Trasalba xa se traballa para publicar a correspondencia entre o ourensán e Antón Fraguas, o persoeiro que protagonizará a próxima edición das Letras Galegas.

Ás súas responsabilidades en Amoeiro engade a súa implicación nun proxecto de país para posicionar Galicia e o galego na rede: a creación da Galipedia. Estévez é un dos administradores.

-Que é a Galipedia?

-Wikipedia está en trescentas linguas e o galego é unha delas. Somos once administradores, algo que tampouco significa nada especial por outra parte, e editores habituais son vinte e cinco. O que tentamos é que a Galipedia dea resposta ás necesidades que poda ter calquera persoa que desexe consultar algo. Por contidos, na actualidade hai 153.000 artigos, ocupamos o número 43 desas trescentas wikipedias.

-A presenza do país na rede é a aposta?

-Un dos obxectivos prioritarios foi dar visibilidade a todos os lugares de Galicia, algo que non foi doado. Quíxose que os concellos e os pobos galegos tivesen o seu oco na Galipedia para que a xente tivese a opción de acceder a esa información. É un traballo complexo porque moitos pobos van quedando abandonados e a realidade do país é a que xa sabemos, cunha poboación cada vez máis envellecida e co rural cada vez máis baleiro. Ás veces parecemos como os de Bienvenido Mister Marshall, indo a todas as parroquias a facer fotos.

-Prima a información xeral ou a actualidade?

-Un pouco de todo. Agora mesmo empeza a primar máis a actualidade porque as eleccións municipais están aí, a seis meses, e o que tentamos é que haxa presenza de todos os concellos. E tendo en conta que hai 313 municipios en Galicia iso significa moito material e traballo.

-E máis alá da política?

-Tamén. As persoas que consultan a enciclopedia galega en rede teñen a inquedanza de saber o que está a acontecer e reaccionan en base á actualidade. Só por poñer un exemplo: a noticia de Xosé Manuel Piñeiro anunciando que tiña cancro xerou un importante fluxo de consultas.

-Unha das eivas que se asocian á Wikipedia é o problema da fiabilidade. No caso da Galipedia hai algún posicionamento nesa liña?

-A fiabilidade é unha das nosas fortalezas. É doado pola dimensión da que estamos a falar: hai unhas mil edicións ao día e con ese fluxo é máis fácil revisar o que se está a publicar e atallar os vandalismos, cando se producen. O perfil das persoas que aportan contidos á Galipedia está, en termos xerais, ben definido. Son redactores que empezan dende cero ou que traducen entradas doutras linguas. Polo xeral engaden referencias ou contidos, os novos, e os máis veteranos céntranse en mellorar a calidade e a profundidade dos artigos.

-Falaba antes do número de wikipedias. A galega como está posicionada?

-A Galipedia, a enciclopedia galega en rede, está dispoñible en Internet dende marzo do 2003. E dentro da ratio de artigos por falantes estamos bastante ben e nos criterios de calidade -son referencias básicas que toda Wikipedia debe ter- estamos no posto quince. Creo que Galicia está ben posicionada e semella, polas inquedanzas e a implicación que ves nos encontros que realizamos, que no futuro próximo aínda o vai estar máis.

«A recomendación inicial que facemos nos encontros é sempre a mesma: edita sen medo»

Adrián Estévez é filólogo e traballa como dinamizador cultural da Fundación Otero Pedrayo, faceta que compaxina co seu compromiso de crear a enciclopedia galega en rede. Un proxecto, a Galipedia, que define como «de difusión do coñecemento libre e universal». Vencelladas a estas dúas actividades estiveron algunhas das propostas que se desenvolveron en Trasalba e Ourense en outubro: un encontro para espallar o proxecto da enciclopedia e formar á xente para colaborar coa mesma e unha xornada de WikiNós para ampliar a presenza de entradas sobre a Xeración Nós en Wikipedia e Galipedia. O proxecto galego foi premiado nestes días.

-Cal foi o recoñecemento acadado?

-Estivemos en A Coruña para recoller o Premio Rosalía de Castro de normalización lingüística. É un galardón da Deputación da Coruña e o primeiro que nos dan con dotación económica.

-E os outros?

-No seu día a Galipedia levou o Xoán Manuel Pintos do Concello de Pontevedra. Ese non tiña dotación, mais o da Deputación da Coruña aporta 3.000 euros que servirán para potenciar a iniciativa.

-Organizan charlas informativas nos institutos, na universidade e noutros foros para darnos a coñecer. Cal é a resposta?

-A xente implícase e ves que valora o que se está a facer en Galipedia. O obxectivo destas xuntanzas e foros é que as persoas lle perdan o temor e a desconfianza inicial que poidan ter. A recomendación que facemos é sempre a mesma: edita sen medo, xa haberá outros que o corrixirán se hai algo que modificar. De feito tivemos unha xornada en Pontevedra e o lema foi Edita con afouteza. Canta máis xente colabore mellor será a enciclopedia galega na rede.