O oso de Sande, o follateiro de Lobios, os troteiros de Bande e os felos e madamas de Esgos aparecen no traballo
02 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Baiuca lanzaba a finais de marzo o segundo adianto do que será o seu novo traballo. O tema «Alentejo» é, segundo a produtora Raso Estudio, unha peza na que Alejandro Guillán —Baiuca— «leva o breakbeat e a electrónica máis frontal ao imaxinario galego-portugués». Na mesma o protagonismo visual recae nas figuras representativas de dez entroidos de Galicia e Portugal. Entre os galegos están presentes personaxes de Ourense, Vigo e Lalín nunha selección que apostou por darlle presenza a figuras que non son as recorrentes á hora de achegarse á festa tradicional.
No caso da provincia ourensá aparecen os de Cartelle, Lobios, Bande e Esgos. O oso de Sande, os follateiros de Lobios, os troteiros de Bande e os felos e madamas de Esgos son os personaxes que figuran en «Alentejo». O entroido da Cacharela (Lalín), os merdeiros de Vigo e o de Samede —pobo da parroquia viguesa de San Xulián— completan a presenza galega no traballo. Dende Portugal achegáronse varias máscaras e personaxes tradicionais —caretos— das festas que se celebran en Lazarim e Arcas.
Hai pouco máis dun mes Baiuca lanzaba o seu primeiro sinxelo, «PAEQB», como adianto do que será o seu terceiro álbum. Un traballo que se avanza como máis electrónico. En «Alentejo» o produtor e artista galego reivindica as conexións ibéricas «que caracterizaron dende o comezo o proxecto e que o teñen convertido nunha icona que abriu a electrónica a fontes inexploradas ata daquela».
«Alentejo» recolle unha gravación escollida da canle MPAGDP na que a pequena Inês Gonçalves interpreta a canción portuguesa «Nasce o sol no Alentejo», tema que rende tributo a un dos países que máis ten visitado Baiuca coa súa proposta nestes últimos anos e un espazo de incuestionable conexión cultural con Galicia.
Segundo adiantou Raso Estudio: «Coa pista de baile e os tics a xéneros como o breakbeat ou o house urxente máis roto como leimotiv, Baiuca solta un ‘Alentejo’ que chega acompañada dun videoclip dirixido por Jordi Cussó —encargado de dirixir tamén o videoclip de ‘PAEQB’— e con dirección artística de Adrián Canoura —encargado do resto de videoclips e VJ (video-jóckey) en directo de Baiuca dende os inicios— que está protagonizado por varias figuras populares do entroido galego e portugués». A produtora BLUA desenvolveu o proxecto. O novo tema xa está soando no arranque da xira que Baiuca comezou hai só uns días. Logo do concerto de Valladolid xa teñen datas anunciadas en festivais como Tomavistas, O Son do Camiño, Afluente, Palencia Sonora ou Rio Verbena, concertos en Alemaña, Hungría e Países Baixos e citas en Xixón e Ponferrada.