Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

De Pé de Gata a Puskas, os motes recollidos nun libro de pobos de Barbadás

La Voz OURENSE

BARBADÁS

Juan Carlos Arias, en primeiro termo, e veciños que saen no libro dos alcumes
Juan Carlos Arias, en primeiro termo, e veciños que saen no libro dos alcumes Santi M. Amil

A Asociación Cultural Porta da Cadea recolle nunha publicación máis de cincocentos alcumes

16 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa un tempo que a Asociación Cultural Porta da Cadea, de Sobrado do Bispo, se meteu a desenvolver un proxecto singular como foi o de recuperar os motes ou alcumes da zona. Daquela saíu un traballo con 167 alcumes dos veciños da contorna.

A cousa quedou aí, ata que agora cinco veciños dos lugares de Barbadás, Bentraces, Loiro, Moreiras e Sobrado do Bispo deron continuidade ao proxecto. O resultado non é outro que unha publicación na que se recollen 508 alcumes. Ademais, tamén se inclúen fotos de moitos dos alcumados. Aínda que o autor tiña claro que a tarefa non era doada, e para iso cita a Ben-Cho-Shey, non por iso deixou de desenvolver o seu traballo. «Poucas tarefas haberá tan vidrosas, tan cheas de perigos, como a publicación dunha simple lista de alcumes, aínda cando se faga sen comentarios, sen aclaracións, sen explicacións...», escribía Xosé Ramón Fernández Oxea en 1971 na súa obra «Mil e pico alcumes ourensáns», datada en 1971.

No libro «E ti de quen es?» figura, a maiores dos motes, unha folla parroquial de 1974 que xa dá conta da querencia por esta materia. Nela, o párroco de Santa María de Sobrado «fai referencia a moitos alcumados da parroquia, titulándoa ‘As porrerías', un artigo interesantísimo sobre os motes de Sobrado, repartindo esta folla aos seus fregueses», sinálase na publicación.

Juan Carlos Arias Conde, autor do libro e presidente de Porta da Cadea, recoñece que a iniciativa rematou sendo unha agradable sorpresa. «O primeiro traballo, o dos 167 alcumes, publiqueino hai dous anos. Ao comezo tiña un pouco de tremor e foi case como un globo sonda para ver como reaccionaba a xente. Para a miña sorpresa tivo bastante boa acollida e decidín seguir na pescuda de máis motes. Tamén falei coa xente das asociacións de veciños da beira e de cada pobo aportaron 40 ou 50. Daquela, entre eses douscentos máis os trescentos que tiña de Sobrado do Bispo decidín publicar esta nova versión do libro», sinala.

Cita Arias Conde alcumes que se van herdando de xeración en xeración —Moulón, Marabú, Caganete, Garibote, Rabecho ou Vitinás— e motes que xa chegan «coas novas xeracións e o novo milenio: Toty, Nani ou Messi, entre outros». Como curiosidade cita o autor da obra os que fan referencia ás vellas moedas —Can, Cadela, Cabezón—. «Algúns dos motes remóntanse a tres ou catro xeracións e xa non se sabe cal foi a orixe dos mesmos. Hainos curiosos, como Pé de Gata, Os da Libarda e semellantes. Logo están os que poden ser comúns con outros pobos —Navarro, Morocha, Laberada, Os Picantes— e moitos máis. Os que ves que van mudando co tempo son os que se refiren aos futbolistas que están de moda en cada momento. Por aquí aínda temos alcumes como Puskas, Maradona, Garrincha ou Rivelino», apunta Arias Conde. O autor da publicación sinala que o obxectivo da mesma é «que non se esqueza esta forma satírica de coñecer aos nosos veciños, xa que perderiamos gran parte da nosa identidade e patrimonio cultural. Pobre do que careza de mote ou alcume, porque será insignificante e anónimo».