Os premios Losada Diéguez reivindican a figura do escritor ourensán na súa 36.ª edición

BOBORÁS

Foron galardoados os poetas Eva Veiga e Baldo Ramos, xunto cos historiadores Xosé Miguel Andrade e Anselmo López Carreira
13 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O xardín do pazo de Moldes, no municipio ourensán de Boborás, antiga casa do escritor Antón Losada Diéguez, foi o lugar escollido este sábado para a entrega dos premios literarios que levan o seu nome. Nesta ocasión foi o profesor e membro da Fundación Losada Diéguez Luís González Tosar o encargado de presentar o acto, na súa edición número trinta e seis. Nas súa intervención destacou a figura do intelectual de Boborás como o seu mentor e tamén a importancia que tivo na formación da Xeración Nós. González Tosar, que foi un dos promotores da posta en marcha dos premios, fixo fincapé na relevancia a nivel galego que ten este certame, no que non se presentan os autores, senón que recoñece obras xa publicadas.
Os protagonistas do acto, os premiados, nesta ocasión foron catro. O apartado de poesía gañouno Quérote Canto e os seus coautores, Eva Veiga e Baldo Ramos, que contaron como a obra é froito de encerrarse xuntos no mosteiro de Oseira, a cuxos monxes dedicaron o premio. No capítulo de investigación e ensaio gañaron Xosé Miguel Andrade e Anselmo López Carreira con O reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria. Na súa intervención aproveitaron para reivindicar o valor das publicacións dese ámbito.