Un selo conmemorativo para recordar o 115 aniversario do nacemento de Carlos Velo

La Voz

CARTELLE

Presentación do selo conmemorativo do 115 aniversario do nacemento de Carlos Velo
Presentación do selo conmemorativo do 115 aniversario do nacemento de Carlos Velo ALEJANDRO CAMBA

A fundación que leva o nome do cineasta presentou a peza na oficina de Correos

19 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Velo Cobelas (Cartelle, 1909 - Cidade de México, 1988) naceu un 15 de novembro no pobo de Os Pereiros. Unha data da que se cumpriron 115 anos o pasado venres. Para conmemorar esa circunstancia a fundación que mantén vivo o legado e a memoria do cineasta de Cartelle —que desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional en México ao terse que exiliar pola guerra civil española— editou un selo conmemorativo. Para levar adiante a iniciativa a Fundación Carlos Velo contou coa colaboración da Sociedade Filatélica, Numismática e Vitofílica Miño e con Correos. E foi precisamente na sala que a Miño ten na oficina principal deste servizo —onde está exposta na actualidade a mostra «Sobre rodas»— onde se presentou o selo conmemorativo do 115 aniversario do nacemento de Carlos Velo. José Barros Cachaldora e Marila Abad —da Sociedade Miño—, Armando González —da Fundación Carlos Velo—, Rosendo Fernández —Inorde— e Julio Soto —Correos— participaron na presentación.

Tamén estiveron presentes alumnos do Colexio Cisneros. Unha participación simbólica, por canto ao centro escolar estivo vencellado Xaquín Lorenzo, Xocas, que foi quen convenceu a Velo para rodar escenas do documental «Galicia» en Lobeira.