Castro Caldelas premia aos que traballan a prol da lingua e a terra
CASTRO CALDELAS
A entrega aos galardoados tivo lugar na igrexa do Burgo
12 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Fai 795 anos que se escribiu o Foro do Bo Burgo, o documento en galego máis antigo que se conserva. Un pergamiño no que Alfonso IX de León lle recoñecía esa situación especial a Castro Caldelas, localidade que apelando a este fito histórico quere reivindicarse como berce do galego. E queren seguir impulsado a lingua, de aí o nacemento dos premios Foro do Bo Burgo que xorden con «espírito de gratitude coas persoas físicas e xurídicas, defensoras da nosa tradición e de todo o que se relacione coas nosas terras e xentes», explicou o párroco José Manuel Armesto, na entrega celebrada na igrexa do Burgo.
Foron cinco os premiados. A Fundación Vicente Risco foi elixida «polo labor a prol dun caldelao ilustre», explicou Armesto. A súa presidenta, Celia Pereira, agradeceu o recoñecemento ao traballo do colectivo que ela lidera e que por extensión, dixo, se lle fai a Risco. «É realmente fermoso ser profeta na terra propia (...). Alá onde esté estará ben contento», dixo.
Da escritora e mestra Helena Villar Janeiro destacou o xurado «que nunca esqueceu na súa literatura as súas orixes do rural lucense». Quixo compartir o premio con Xesús Rábade, «por ser o meu compañeiro de vida, de ideas e de traballo».
Tamén se destacou a traxectoria de Francisco José Prieto, arcebispo de Santiago, que recordou a súa infancia en Edrados (Chandrexa de Queixa) e como lle fascinaba ollar ao castelo de Castro Caldelas. «Estou seguro de que os corazóns están cheos de ledicia por sentirnos todos uns máis pretiños dos outros polo que compartimos esta tarde», dixo. Finalmente recibiu o premio María del Carmen Martínez, directora xeral de Patrimonio da Xunta e unha das firmes valedoras das escavacións do mosteiro de Camba. «O sentido deste agasallo conecta directamente co compromiso co patrimonio cultural de Galicia, todo un legado inmenso. O noso traballo establece o vínculo entre o que herdamos, o pasado, e a nosa obriga de devolvela e entregala ás xeracións vindeiras», dixo para despois extender o premio a todo o departamento.
Tamén se destacou ao investigador Eduardo López Collazo «eminencia que fai ciencia para facer fronte ás enfermidades infecciosas», pero que non desbotou viaxar porque ten coronavirus. Todos eles recibiron unha cerámica feita pola artista caldelá Maite Vázquez e que representa o selo do foro.
O acto estivo conducido polo director da UNED en Ourense, Jesús Manuel García. Tivo lugar nunha igrexa singular que pide a berros unha rehabilitación. E por iso a alcaldesa, Sara Inés Vega, aproveitou a presenza de María del Carmen Martínez para que a Xunta axude na súa posta en valor.