Carlos Carballo e Alberto Guntín falaron da experiencia de «Serramoura»
08 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O auditorio Ilduara de Celanova acolle dende onte unha nova edición do curso de medios audiovisuais que organiza a Fundación Carlos Casares, baixo a dirección de Miguel Anxo Fernández. As primeiras sesións da proposta O audiovisual galego: abrindo fronteiras desde a diversidade, que é o título da iniciativa nesta edición, estiveron centradas nas series que forman parte da ficción televisiva galega. Logo da presentación das actividades por parte dos responsables da experiencia de Celanova -Miguel Anxo Fernández como director do curso e Paulino Novo en calidade de coordinador do obradoiro Celanova plató de ficción- Carlos Carballo e Alberto Guntín expuxeron o proxecto Serramoura, de Voz Audiovisual.
Carballo centrou a súa ponencia en aspectos como o traballo que se tivo que levar adiante para desenvolver a serie de Voz Audiovisual, cales foron as claves do éxito de Serramoura e a acollida que tivo entre o público galego, como se debe acometer un plan de promoción para un produto audiovisual deste tipo e cales son os aspectos a desenvolver e afrontar de cara á creación dunha serie para televisión. O produtor tamén desvelou aos participantes do curso algunhas das liñas do que será a nova tempada do proxecto, que comezarán en outubro.
No coloquio, as preguntas dos participantes centráronse en aspectos como a elaboración dos guións e a dirección, ademais de traballos como a selección de actores, creación de decorados e outras cuestións.
Carlos Carballo anunciou en Celanova que no último trimestre do ano chegará Médicos -a primeira serie galega sobre sanitarios, hospitais e transplantes- e que Voz Audiovisual traballa en Historia de la catedral, un proxecto sobre a catedral de Santiago de Compostela que se emitirá en TVE.
Da historia a Ángel de la Cruz
A segunda das sesións de onte do Curso de Medios Audiovisuais da Fundación Carlos Casares, que se desenvolverá en Celanova ata o día 10, centrouse no proxecto «Hospital Real», de Ficción Producciones. O director da mesma, Jorge Casinello, a produtora Mamen Quintas e Pablo Lamosa, de posprodución, foron os encargados de expór este proxecto que se caracteriza pola súa coidada posta en escena histórica e a importancia dos decorados e dos efectos dixitais. Na segunda xornada do curso contarase coa presencia de Raúl Veiga, director e guionista de «El médico atento», haberá una clase maxistral de montaxe a cargo de Guillermo Represa e Ángel de la Cruz falará do seu novo proxecto co ilustrador Paco Roca.