«Viradeira», ou como pór en valor o patrimonio subacuático de Galicia

La Voz OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Agustin Iglesias Otero

Fernanda Tabarés, directora de Voz Audiovisual, participou no curso de Celanova

05 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un valor patrimonial esquecido, ou cando menos non valorado na súa xusta medida, pode ser un argumento extraordinario para unha serie de ficción televisiva e para crear outros proxectos vencellados ao mundo audiovisual. Así o demostrou onte a directora de Voz Audiovisual na súa participación no Curso de Medios Audiovisuais de Celanova.

Fernanda Tabarés explicou aos alumnos universitarios como se creou para a TVG a serie Viradeira. Na mesma a trama desenvólvese nun pobo mariñeiro e ten como referencia a lenda dun vello tesouro agochado no fondo do mar. Todos toman por tolo ao mariñeiro que vive coa teima, ata que finalmente o pobo é quen de movilizarse para ver de conseguir localizar o tesouro. Na súa participación no Cemac Fernanda Tabarés -que compartiu mesa con Paula Fernández, directora de produción de Viradeira, e Eduardo Lavandeira, director de Buscadores de naufraxios- incidiu no feito de como unha proposta inicial, a serie, poder servir logo de base para un proxecto moito máis amplo, como o documental que se está a preparar sobre os barcos afundidos na costa galega. Lembrou Tabarés que existen 3.000 pecios en Galicia e que hai toda una serie de colectivos e grupos de buceo afeccionados que se mergullan para localizalos. Pór en valor ese patrimonio e amosarlle aos galegos esa arqueoloxía submarina, que aínda non ten a consideración que se merece, é o obxectivo de Buscadores de naufraxios.

 

 

 

 

A xornada do Cemac contou co pase de A estación violenta, de Anxos Fazáns, e Trinta lumes, de Diana Toucedo, e as actrices galegas da serie Fariña. A presenza de Mariana Carballal, Isabel Naveira e Cristina Iglesias serviu para abrir un debate ao redor da presenza da muller na industria audiovisual.