O xurado destaca a súa longa traxectoria como vocalista e o seu compromiso como galega coa dinamización social pola organización do Festival da Luz en Boimorto
26 mar 2022 . Actualizado a las 20:00 h.A cantante Luz Casal foi a elexida para recibir este ano o premio Celanova, Casa dos Poetas, que acada a súa triséximooitava edición. O xurado do premio, que otorga a Fundación Curros Enríquez, reuniuse hoxe en Celanova, presidido polo alcalde Antonio Puga, e trala deliberación interna acordou conceder o galardón a artista galego-asturiana pola súa longa traxectoria e por terse convertido nunha das voces femininas de máis prestixio nacional e internacional.
Desa longa traxectoria, o xurado destaca todas as etapas, dende as iniciais como cantante pop-rock ata as participacións en bandas sonoras como Tacones Lejanos ou Mar adentro e as colaboracións con Miguel Ríos ou Carlos Núñez. A interpretación de Negra Sombra, de Rosalía, nese disco de Núñez A irmandade das estrelas, fixo que a súa interpretación quedase «xa intimamente ligada a letra de Rosalía coa súa voz, e que aínda cobrou especial protagonismo este mesmo ano na entrega dos Premios Goya».
O xurado lembrou tamén o seu compromiso como galega na dinamización social no eido local pola promoción do Festival de la Luz, na súa localidade natal de Boimorto, que está enfocado non só á música senón que tamén ten vocación social pola súa colaboración con causas humanitarias.
Presuposto da fundación
Por outra banda, a orde do día da reunión do Padroado Curros Enríquez incluía outros puntos, como a aprobación das contas e da actividade realizada no ano 2021 e a planificación deste ano. No exercizo pasado, a Fundación Curros Enríquez atendeu a máis de 7.500 persoas e recibiu a un cento de grupos escolares e de asociacións ou concertados por axencias de viaxes. Esta semana espérase ao visitante número 30.000.
O 2021 foi un ano importante polos actos de conmemoración do 170 aniversario do nacemento de Curros e dos 140 anos da publicación de "Aires da miña terra", o que motivou exposicións e diversos actos na Fundación.
Para este ano, esta prevista a nova sinalización da ruta Currosiana, un itinerario que se creara hai anos pero que resultou afectado polo trazado da AG-31. Tamén se prevé colaborar nos actos do 50 cabodano de Pepe Velo e nunha exposición sobre os celanoveses que sobresaíron no exterior levando a bandeira de Celanova. O presuposto para este 2022 ascende a 74.000 euros, informou a Deputación, a través do seu representante no Padroado, Pablo Pérez.