Máis dun centenar de músicos homenaxearon a Curros Enríquez no mosteiro celanovés

CELANOVA

Concierto en Celanova
Concierto en Celanova ALEJANDRO MINGUEZ

A iniciativa da Banda de Música de Celanova terá unha segunda entrega en Vigo o día
20 no auditorio municipal da cidade olívica

15 may 2023 . Actualizado a las 09:48 h.

Celanova acolleu este domingo unha auténtica festa poético-musical da man de cento cincuenta artistas e unha ducia de colectivos, baixo a tutela da banda de música local, que preside Fernando Martínez Menchón. A obra Aires d'a miña terra, composta por Manuel Alejandro López para a primeira edición do proxecto Emocións hai dous anos, voltou a sonar entre os arcos do claustro barroco do mosteiro de San Salvador de Celanova. O éxito de participación na primeira edición repetiuse neste mes das letras galegas con máis dunha ducia de agrupacións colaboradoras, lideradas pola formación celanovesa, nun concerto de entrada libre, baixo a coordinación de Jorge González Rodríguez. Terá na próxima fin de semana, o sábado 20, unha segunda entrega no auditorio da cidade de Vigo.

Esta composición, inspirada nas Estampas Galegas, somerxe ao espectador nunha viaxe polo poemario homónimo de Manuel Curros Enríquez. O poeta e artista gráfico celanovés, Baldo Ramos, foi o encargado de facer de guía, actuando de narrador. A parte musical tivo como protagonistas a Banda de Música Municipal de Celanova, o grupo de gaitas da agrupación “Lembranza Solpor” de Celanova e o gaiteiro José Nabor. Os cantantes Anna Mélikhova (soprano) e Enrique A. Martínez (tenor) foron os encargados de poñer voz aos versos de Curros, xunto coa Coral Solpor de Celanova, o Coro parroquial Iuvenes et Pueri cantores e un coro colaborativo xurdido na primeira edición do proxecto. O evento tamén contou coa participación do Coro da Escola Municipal de Música de Vigo, que celebra este ano o seu 25 aniversario.

No marco desta actividade, os compoñentes deste coro pasaron toda a fin de semana en Celanova traballando tanto na preparación do concerto, coma en diversas actividades culturais na contorna da vila. No que respecta á parte escénica, o grupo Lembranza Solpor foi o encargado de achegar o baile tradicional ao acto, que xunto cos outros elementos escénicos conformaron a actuación.

O concerto foi unha homenaxe á vila de Celanova e ás diferentes agrupacións musicais e culturais que dela forman parte. O público gozou da letra de poemas tan coñecidos como o de Cántiga ou O maio, que ademais coinciden coas festividades das actuais datas. Entre os sentimentos de ledicia contidos en Unha voda en Einibó apareceron outros de saudade, morriña e tristura, ben sexa no lamento de Curros polo pasamento de súa nai ou do seu fillo.

A lenda da Virxe do Cristal e a historia do gaiteiro de Penalta completaron a selección de textos escollidos, focalizando o acto nas historias da comarca e facendo unha homenaxe ao poder da palabra e da música como fontes de transmisión, comunicación e entendemento dos pobos.