O premio Celanova, Casa dos Poetas cumpre corenta anos recoñecendo a figura de Bieito Ledo
CELANOVA
O escritor e editor ourensán destacou o «alto honor» de formar parte do palmarés deste galardón
01 sep 2024 . Actualizado a las 18:04 h.A contribución de Bieito Ledo (Xunqueira de Ambía,1944) á cultura galega desde o ámbito da xestión cultural, da edición e da promoción e organización de propostas que procuraron o afondamento nas raíces galegas dende a súa aldea de Padroso. Esa é a xustificación principal que aportou o xurado do premio Celanova, Casa dos Poetas para conceder a este ourensán o galardón da edición número 40.
Bieito Ledo é un ourensán universal que en todos os ámbitos nos que lle tocou estar traballou activa e incansablemente a prol da cultura e da convivencia. Unha das súas contribucións foi a creación dos Premios da Crítica Galicia na cidade de Vigo. Para a Fundación Curros Enríquez tamén é destacable a súa aportación ao mundo editorial, que alcanzou o seu cénit coa publicación no ano 1999 da coñecida EGU, é dicir a Enciclopedia Galega Universal, que conta con 16 tomos nos que se recollen arredor de 200.000 entradas e máis de 30.000 ilustracións.
O premio Celanova, Casa dos Poetas da a benvida a setembro nesta vila ourensá para recordar o pasamento de Celso Emilio Ferreiro, do que neste ano cúmprese o 45 aniversario. Por iso, un dos momentos máis emotivos chegou coa ofrenda floral diante do monumento do escritor celanovense. Houbo alborada musical e recitado de poemas. Xa no interior do claustro barroco chegou o momento de entregar a medalla e o diploma acreditativo do galardón a Bieito Ledo. Como é tradición, entregouselle unha medalla de prata, obra do escultor Acisclo Manzano, que reproduce por unha cara a casa de Curros Enríquez, e pola outra cinco «C» concéntricas que simbolizan a letra pola que comenzan os elementos identificativos deste galardón. «É un alto honor para min recibir este premio e formar parte deste grupo que traballou sementando e cuidando valores que non se pode medir nin pesar», destacou Bieito Ledo.
O palmarés
Desde a súa creación, o palmarés deste galardón mantívose fiel a filosofía de premiar a unha persoa ou entidade que levase un intenso labor a prol da cultura galega. O primeiro premiado foi o escritor local Xosé Luis Méndez Ferrín en 1985. Nos dous últimos anos tocoulle a distinción á cantante Luz Casal (2022) e ao escultor Manuel Buciños (2023).