Xubílase o último zapateiro de Vilanova dos Infantes: «Sempre fun feliz pero non teño nostalxia de nada»
CELANOVA
Luis Vázquez pecha 52 anos de traballo co soño pendente de «ter sido avogado de causas perdidas»
29 dic 2024 . Actualizado a las 09:40 h.Con Luis Vázquez morre unha tradición en Vilanova dos Infantes. Este núcleo de Celanova tivo ata douscentos veciños traballando na fabricación de zapatos. Aínda que el non se considera «zapateiro dos de verdade», como seu pai, mantivo ata este ano o taller na súa casa onde cortaba artesanalmente cada bota de coiro. Puxo fin a 52 anos de vida laboral sempre vinculada ao mundo do calzado. Non deu pasos en falso: «Sempre fun feliz co traballo, pero aínda que sexa duro dicilo, non teño nostalxia de nada, pecho o meu ciclo. Cumprino».
Luis Vázquez é o último de nove irmáns. Sete deles emigraron, pero a el a vida nunca o sacou de Vilanova. «Así se deron as circunstancias», reflexiona. Na vila que tivo ata 500 habitantes estudou ata os dez anos. Estivo nunha das escolas do plan franquista onde os nenos de todas as idades estaban xuntos. Seguiu estudando na academia Curros Enríquez en Celanova, pero oito días antes de cumprir 14 anos xa comezou a traballar. «Recoñezo que non era bo estudante, así que a esa idade tocoume buscarme a vida», lembra. Primeiro axudou na casa. Daquelas practicamente todas as vivendas da vila eran talleres.
Para Luis, o seu pai si foi un dos últimos zapateiros de Vilanova. Pertenceu a esa xeración de artesáns aos que lles enviaban os materiais cortados e eles facían manualmente o calzado. As mulleres eran as costureiras. Podían elaborar un par deles ao día e despois ían a vendelos ás feiras. «Levaban poucos porque daquelas non se compraba tanto e o calzado duraba moito tempo», explica. Cando comezaba a estar estragado incluso se aproveitaba para facer chancas. Por iso Vilanova tamén foi lugar de zoqueiros. Luis Vázquez viviu esa época na súa casa, pero nos primeiros anos de traballo pertenceu a outra parte do proceso.
Aos 14 anos foi empregado dun comercio en Celanova. Era unha tenda para público mixto que vendía calzado e roupa ao corte. Luis encargábase da atención ao público. Nunca máis deixou o mundo do zapato. Despois traballou como vendedor e tamén estivo 17 anos nun almacén de calzado. No 2005 deu o paso de ser zapateiro. O que acabou sendo o seu socio ofreceulle comprar xuntos unha fábrica de calzado de Xunqueira de Ambía. Aceptou a oferta e trasladou parte do proceso manual a Vilanova dos Infantes. Nese momento, a tradición zapateira xa practicamente desaparecera: «Da miña xeración xa non había ninguén neste mundillo». Luis recuperou aqueles tempos das vivendas ocupadas con talleres pero a produción xa non tiña nada que ver ca que facía, por exemplo, o seu pai.
Tivo que aprender de cero a súa parte do proceso. Encargábase de cortar a pel dos zapatos e administrala. Unha vez feitas as pezas, enviábaas a Xunqueira, onde a muller do seu socio as cosía e despois montaban todo o zapato. Primeiro o traballo era totalmente manual, pero Luis foi incorporando algunha maquinaria para adiantar o proceso. Aínda así, seguiu ca fabricación artesanal, un por un. «Dende que collemos a fábrica sempre traballamos igual, non facíamos moda, era o mesmo modelo, non innovabamos. Tiñamos o stock para atender aos clientes», explica.
En xuño deste ano Luis puxo fin a medio século de vida laboral. A nivel persoal fai un balance máis que positivo. Gustoulle o seu traballo e sabía que chegaba o momento de pechar unha etapa. Tan só confesa que lle quedou pendente o soño de ser «avogado de causas perdidas». «Non me gustan as inxustizas e penso en como pode haber avogados que defendan causas que xa están perdidas antes de empezar, pero é o seu deber. O que pasa é que era mal estudante», conta entre risas. Como último zapateiro da súa aldea tamén é realista. «O proceso industrial leva a comprar outro tipo de calzado, aínda que eu me retire todos teñen outras moitas opcións», defende. Luis vive agora contento cunha «pequena pensión» e tranquilo porque comeza esta etapa da vida «sen deberlle nada a ninguén».
«Levo na banda de música 40 anos, era un complemento para os zapateiros»
A de zapateiro non é nin moito menos a única faceta que traballou Luis. Foi dos tantos de Vilanova dos Infantes que tamén sostivo a tradición musical. «Levo na banda de música 40 anos, era un complemento económico», relata. Os veráns ían a tocar polas aldeas e gañaban uns cartos extra. No seu caso, empezou tocando a tuba pero tamén practica o trombón e o bombardino. As primeiras leccións deullas un mestre da escola pero despois estudou no conservatorio. «A maioría aprendían uns dos outros», lembra. Entrou na banda como un dos máis novos e agora é o máis veterano. O xeografía e a historia son outras das materias que apaixonan a Luis. «Aínda recordo o 70 % de países e capitais do mundo!», presume. Por iso non se perde os concursos da tele. Di orgulloso que toda a súa vida de traballo serviu para levantar a súa casa, na que cociña, coida á horta e goza da rutina.
QUEN É
DNI. Luis Vázquez naceu en Vilanova dos Infantes en 1958. Último de nove irmáns, foi case o único que non emigrou. Traballou 52 anos no mundo do calzado, como dependente, vendedor e zapateiro.
O fin dun oficio. É o último zapateiro da vila de Celanova, cunha gran tradición neste oficio. Houbo ata 200 veciños traballando nel, incluído o seu pai.
O seu espazo. Vilanova dos Infantes é o seu lugar. Asegura que é feliz e é o mellor sitio do mundo onde podería vivir. O seu taller e a súa casa están ao carón da torre.