
Os veciños do municipio ourensán coñecerán a orixe e o significado dos nomes das súas parroquias
28 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A campaña Toponomízate. Falámosche dos nomes da túa terra, coordinada pola Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, chegará este venres a Chandrexa de Queixa. O coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo, ofrecerá unha charla na que explicará o funcionamento de Galicia Nomeada, unha aplicación colaborativa que lle permite á cidadanía participar na recolla de microtopónimos, os nomes de montes, leiras, fontes, camiños ou devesas que corren o risco de se perder.
A sesión terá lugar a partir das 19.30 horas no antigo colexio de Celeiros e nela a veciñanza participante coñecerá tamén a orixe e o significado de nomes de parroquias e lugares deste municipio ourensán. Trátase dun traballo de divulgación que conta coa colaboración, na elaboración das etimoloxías, do académico electo e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.