Os magostos, unha enxebre tradición das terras de Quiroga

xosé estévez QUIROGA

COLES

ROI FERNANDEZ

O froito do castiñeiro ten un forte peso na cultura popular, na historia e na economía da comarca

24 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No outono a vendima e a castañeira, tan ben retratadas polo gran Otero Pedrayo, anunciaban a letitia cordis e a fartura dos magostos, amosando, ao mesmo tempo, a solidariedade veciñal nos labores agrarios. A comezos de outubro os carros cantaríns emocionaban o val cos pilos ateigados de acios. As uvas pisábanse cos pés espidos ou revestidos de «katiuskas» á porta das adegas. O caldo abalsábase nun bocoi e tras a fermentación e o conseguinte repouso trasfegábase a cubas de poucos canados.

O bullo espremíase nunha prensa da que saía un viño frouxo, «xildrán» ou «purrela», para beber nos magostos. Co bullo ben zugado o poteiro elaboraba no alambique a augardente, escena que reflicte con realismo Xosé Teixelo, O Pin, nun coñecido cadro seu. Unha boa potada precisaba polo menos seis horas, un picalleiro coidado do lume, nin moi abouxante nin moi calmo, e unha sabedoría do oficio.

A mediados de outubro a familia Coles desprazabámonos á Lama, a dez quilómetros de San Martiño. A miña nai herdara uns soutos e un sequeiro. As ouriceiras xa regañadas choraran as degrañas esparexidas polos soutos. Restrelabámolas e carrexabámolas en sacos ou cestos ao sequeiro. Espallabámolas no sobrado, cuxas táboas, separadas por gretas lonxitudinais, permitían o paso do fume da lareira. Cando se secaban, volvían aos sacos, que se esfarraqueaban contra un cepo para que se desencorozasen. Verquíanse xa maiolas sobre un mesado e escollíanse as boas para magostear, namentres as malas ou «picós» arredábanse para cebar os porcos. As castañas gorentan os xamóns cun sabor moi especial e de aí provén a sona dos do Courel. A lectura do galano poético con que os enfeitizou Otero Pedrayo transpórtanos co maxín a Pacios de Lousada, Parada de Moreda ou Soldón da Seara. No mes de novembro ou de Santos alporizábase o ar co arrecendo das castañas asadas, aledábase a gorxa co maino agarimo do viño novo e atristurábase a memoria coa lembranza dos devanceiros.

O magosto é unha tradición enxebre fisterral, aínda que tamén se facía e fai no País Vasco co nome de gastainerre -queima de castañas- nunha xuntanza veciñal na que se asan castañas, bébese viño e remata en troula, baixo a meiguería dunha queimada. Este rito amosa a solidariedade comunal, valor moi importante nas comunidades rurais antigas para levar a termo as tarefas veciñais. Non hai que descoidar o simbolismo de lembrar aos defuntiños, que co seu labor ergueron casa e solar, asento das xeracións vindeiras.

Nin tampouco esquecer a sa ledicia da festa e un anaco de acougo no rexo traballo agrario. Por iso, cantares, gaitas e cantigas anainaban o serán. Algunhas cantigas adubábanse de dobre intencionalidade: «Non chas quero, non chas quero; / castañas do teu magosto, / xa que cheiran ao chamosco». / «A castaña xa regaña, mociño mételle caña; / quen non ten maña, / pouco apaña».

Festa na praza Maior

A castañeira era o adro inescusable do magosto. Os nenos de San Martiño, residentes no barrio da «industria pesada», colleitabamos as castañas nos soutos das penas do Pendón para o magosto dos pequenos que se celebraba na praza Maior o 11 de novembro. Uns días antes rozabamos monte -carqueixas, carrascos, abrairas, queirugas e uces- para asar as castañas nesa efeméride. No mesmo sitio os maiores tamén festexaban o seu propio magosto, con acompañamento de purrela e remate de queimada.

Tamén había magostos individuais e familiares, asando as castañas na chapa da cociña económica ou «bilbaína». Ata a chegada da pataca no século XVIII, despois da crise agraria e a fame de 1768, as castañas foron un elemento moi importante na dieta labrega, ademais de utilizarse para consumo animal, principalmente para porcos e galiñas. Quen lea o estudo de Isidro García Tato sobre a Encomenda de Quiroga verá que os labregos pagaban unha parte importante das rendas en castañas, ademais de centeo, trigo, cera, mel, porcos, capóns, galiñas, aceite...