Sacar o carné de galego non é fácil para todo o mundo. E hai algunha contradición no asunto.
Os galegos que tiveron que emigrar, moitos dos cales nunca volveron ou regresaban no período estival por vacacións, nunca perderon a condición de galegos e incluso gozaban do privilexio do voto en Galicia, malia estar a milleiros de quilómetros. O mesmo sucede cos fillos da emigración, naceran en Suíza ou na Arxentina, dentro ou fóra de Galicia, tiñan carné de galegos.
Ben distinto acontecía cos galegos de residencia que viñeron do estranxeiro, sempre tiveron difícil ter ese imaxinario carné de identidade galego, do mesmo xeito que aqueles que migraron dende distintos puntos de España a Galicia e ademais nin falaban galego, aínda que contestaran “depende”, preguntasen o que xa sabían ou comeran lacón con grelos a fartar e sentiran Galicia como propia… de carné galego, salvo excepcións, nada!
Pero a cousa aínda ten máis voltas! E fun claramente consciente hai uns días, cando en Lobeira presentaba un excelente documental Plácido Romero sobre o tempo, os veciños e a vida no que el chama Luparia, O tempo na Luparia, de Arraianos Producións. A verdade é que a proxección contou cunha notable asistencia de público e Plácido, que fora residente durante anos deste concello da Baixa Limia e que retratou aos seus veciños no documental con proximidade e sentimento, aínda non conseguira o carné de Lobeira. «Por iso hai tanta xente», acabou confesándome, pois din que ninguén é profeta na súa terra. Claro! Plácido non era natural de Lobeira, é de Verín e, ademais, «non sabe sachar», segundo confesan no documental algúns veciños.
Así, quen vai ter carné de galego ou carné de Lobeira??!!!, Non hai forma. Mellor sacar un máster nalgunha universidade madrileña. E a cuestión aínda non chegou á política, malia que algún político local sen carné tamén tivo que pasalas negras e ver como os veciños elixen o malo con carné antes que ao bo que non manexa o legón.
Plácido Romero no seu documental reflexiona das cousas que cambian co tempo, pero no asunto do carné de galego, hai cousas que non cambian. Con carné ou sen carné, precisamos máis Plácidos Romeros.