Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Manzaneda vive a segunda fase do Certame Celtibérico

MANZANEDA

Imaxe dunha edición pasada do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas
Imaxe dunha edición pasada do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas Agostiño Iglesias

O Serán da Seitura e a Noite Celta farán de véspera do día grande

31 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«O epicentro da cultura tradicional galega». Así se definiu, durante a presentación do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, o que será Cabeza de Manzaneda esta fin de semana durante a celebración de tal evento.

Pero a posta en valor da música tradicional comezará antes, esta mesma tarde na praza da Igualdade de Manzaneda coa cuarta edición do Serán da Seitura. Este encontro contará, a partir das seis da tarde, con actuacións como a da violinista María Rodríguez, o grupo de acordeóns Airiños da Porta Falsa, ou o grupo de gaitas e danzas A Pinguela.

Mais a total protagonista desta xornada será, coma sempre, a tradición sonora da serra de Manzaneda e en concreto Ludivina Pérez Ricoi, muller que atesoraba na súa memoria un gran repertorio de cancións da Seitura. Inaugurarase unha estatua na súa honra.

Pola noite, a encargada de seguir quecendo o ambiente de cara a mañá será a Noite Celta. Esta celebración, de tipo popular e que comezará ás once xa na estación de Manzaneda, contará coa música do grupo Bágoas do Toxo, as Cantareiras da Real Banda, e tamén dunha das agrupacións máis salientables do principado asturiano: a banda de gaitas El Gumial. Formada por 25 músicos e orixinaria do concello de Ayer, esta banda ofrece un repertorio formado por música de inspiración celta, composicións propias e, sobre todo, pezas procedentes da tradición asturiana. O seu director, Diego Lobo, asegura que en Ourense, e en Galicia en xeral, estase a facer un enorme traballo a prol da música tradicional do norte e en concreto da gaita. «Se tenían que hacer tres veces más encuentros como este», asegura. El Gumial tamén estará no día grande do certame mañá.

O domingo, día grande

Será a partir das once da mañá e comezará co izado de bandeiras e a bendición do campo. Unha vez rematados dará inicio a actuación das bandas de gaitas, con representación de varias provincias do norte peninsular. A Banda de Gaitas do Concello de Chantada será unha das presentes. Jose Carlos López, o director da súa sección xuvenil -vencedora da segunda categoría durante a primeira fase do certame- explicou a La Voz que se ten en conta á hora de valorar ás agrupacións: a estética, a interpretación, a afinación e as percusións. «O repertorio normalmente está formado por pezas da música tradicional galega, pero ultimamente tamén se tocan cousas máis modernas. Sorprenden, e a xente agradéceo», explicou López Vázquez. Tras a actuación das bandas será a quenda da competición de solistas e do concurso de bastóns de mando. A xornada rematará cunha ofrenda floral en fronte ao monumento a Gabino García e coa entrega de premios final, que pechará esta edición do certame.