
Os veciños de Melón celebraron o seu entroido enxebre no pobo polo mal tempo do día grande da festa
14 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O Rei de Covelo botou man da súa autoridade para tentar mudar unha situación que non lle acae á festa enxebre deste pobo do municipio de Melón. E a súa proposta, a xeito co espíritu da data do martes festivo, non podía ser mellor escollida: «Para o ano haberá que rezarlle ao Santo Entroido, para ver se desta volta podemos celebrar a festa como se merece, que xa é o segundo ano que non podemos saír pola chuvia».
Subir á serra dende a N-120 fai que o pensamento volva sen remedio ao pasado mes de outubro. O pobo, ancorado na cima do monte, semella este ano a distorsión dunha realidade escura e ferinte. Todo o que se ve -ao pé da estrada, ao lonxe, na cima, no val- podería pasar por unha paraxe volcánica: os incendios do pasado outono pegaron lume en todo canto había e só as árbores xunto ao río firen un escenario cheo de negrura e regatos de auga que baixan da serra. Á esquerda anacos de amarelo que remiten á palla que se foi espallando polo monte para tentar que as chuvias non se leven a capa vexetal.
Do velatorio ao centro veciñal
Na cima a auga peta forte, e o vento enchoupa e deixa na categoría de elemento decorativo aos paraguas. Mal tempo, pior que malo. O Rei de Covelo tampouco subirá este ano de a cabalo ao Couto, o mesmo que o carro de vacas que leva ao Entroido e á Entroida na comitiva na que os dous bandos teñen un obxectivo: defender ao personaxe central do entroido, os fieis, e tirarlle a coroa e destronalo, os contrarios. E a grande males, grandes remedios. O velorio A Redonda está fronte ao o centro social; no primeiro vístense os participantes do entroido e no segundo xa está preparado o carro cos protagonistas e as aportacións veciñais para a festa.
Logo de sacar a libreta e botar contas de como foron as quendas dos pasados anos, O Rei e a súa comitiva entra nun centro ateigado de veciños e animado pola música dos gaiteiros. Manda calar e pregunta varias veces: «Veciños, queredes que viva ou que morra o entroido?». Queda claro que hai quen discrepa cando unha muller se arrepón: «Isto non é entroido nen é nada. Non hai homes. Cando foi meu fillo subiu a monte e aínda ía pior tempo do que vai hoxe»... «E ao baixar xa se tivo que meter na cama», retruca o actual Rei de Covelo. E a festa gaña ao mal tempo. Noméanse aos integrantes da comitiva, aos maiordomos que serán os encargados de organizar o entroido no 2019, O Rei baila protexido polos seus ao tempo que os inimigos lle tiran a coroa. E logo sube á mesa para a poxa dos produtos doados.