Óscar Diéguez, futuro alcalde de Montederramo: «Cando eu nacín Antonio levaba seis anos de alcalde, era tempo de cambiar»

María Cobas Vázquez
maría cobas OURENSE / LA VOZ

MONTEDERRAMO

Óscar Diéguez, futuro alcalde de Montederramo, na porta da casa consistorial.
Óscar Diéguez, futuro alcalde de Montederramo, na porta da casa consistorial. LOLITA VÁZQUEZ

Enfermeiro de profesión, vive en Compostela: «Vou ir e vir todos os días»

15 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Graduado en Enfermería e Máster en Atención Clínica e Coidados, traballador do Sergas desde fai anos e agora en prazo de suspensión de chamamentos porque o sábado Óscar Diéguez González (Montederramo, 1994) recibirá o bastón de mando da súa localidade natal. Liderará o primeiro goberno nacionalista nun municipio que desde o inicio da democracia sempre tivo rexedor de dereitas. O seu predecesor, Antonio Rodríguez, leva na alcaldía desde 1988. «Cando eu nacín, Antonio xa levaba seis anos na alcaldía», apuntaba antes de comezar a entrevista, na porta do bar que hai ao lado do concello e mentres saudaba ao alcalde en funcións, que propoñía sacar unha foto xuntos.

—Cada un ten as súas ideas políticas, que son distintas, pero ante todo somos veciños. Coñecémonos de toda a vida e é fácil vernos falando nun bar calquera día.

—Así que non chegou a coñecer outro alcalde.

—Non. Cando nacín xa estaba Antonio. Era xa tempo de cambiar.

—Vive en Santiago, ¿múdase?

—O meu plan é ir e vir de Compostela todos os días. E así seguirei ata que Montederramo se poña a andar. No momento en que isto vaia collendo velocidade de cruceiro, que será mínimo un ano ou dous, despois como somos un equipo amplo, alguén sempre haberá no concello.

—¿Desde Compostela?

—Si. Nese sentido fun claro coa veciñanza e expliqueillo cando fomos pedir o voto. Non vivimos aquí —ningún dos catro concelleiros do grupo de goberno reside na localidade, aínda que van con frecuencia— pero si é certo que Montederramo precisa un cambio de políticas e nese aspecto hai que ser moi responsable e moi claro coa xente. Se te presentas a unha alcaldía sabes que se sales elixido tes que dar o dó de peito.

—Fai catro anos presentouse por Montederramo a máis. Agora foron co BNG. ¿Por que o cambio?

—A maioría das persoas que íamos na lista temos sentimento nacionalista. Fai catro anos decidimos presentarnos como independentes pero realmente as nosas políticas encaixan á perfección co BNG. Desta vez falámolo e decidímolo.

—¿Están afiliados?

—Non.

—¿Que é o primeiro que fará?

—Empezar a mirar polos pobos, que hai algúns que están bastante mal, tanto en temas de asfaltado como de limpeza da maleza arredor dos núcleos, porque o tema dos incendios forestais aquí é un punto crítico. Estámolo vendo ano tras ano. E queremos empezar co desenvolvemento rural, a mellora de acceso a parcelas agrarias, que é básico porque temos moitos gandeiros, e tamén queremos apostar polo turismo.

—¿Sempre tivo vocación política?

—Si, sempre me gustou e a seguín. E fai catro anos decidimos dar un paso adiante e presentarnos. Daquela quedamos a 14 votos de gañar; a xente aínda lle deu unha oportunidade a Antonio.

—¿Pesou o de ser novos?

—Si que nos pesou, pero a touro pasado valóralo. Para unha persoa maior votar a unha persoa que daquela tiña 24 anos debe ser complicado. Tivemos moito apoio e é algo do que nos sentimos moi orgullosos e nos empuxou a seguir estes catro anos facendo unha oposición construtiva. Houbo cousas que pedimos que se levaron a cabo, como as axudas á natalidade, que xestionou o grupo de goberno a través da Deputación. Solicitamos un plan antiicendios e fixeron balsas de auga en dous puntos conflitivos do concello. Foi unha oposición cargada de propostas, que é como entendemos nós a política. Non na confrontación, senón o mellor para todos.

—¿Valora en positivo eses catro anos?

—Si, si. Incluso iso llo dixemos á xente cando fomos pedir o voto. Fai catro anos tiñamos ilusión e ganas de gañar, pero o tempo na oposición serviu para poñer os pés na terra e para ter unha concepción máis clara e real do que se pode facer e de como se poden levar a cabo as políticas que queremos implantar.

—Entendo que aspiran a manter a boa relación coa oposición.

—Non somos partidarios de pasar o rodillo. Vai ser un goberno aberto e se a oposición fai propostas, que oxalá sexa así porque a diversidade de opinión enriquece, e son boas para o pobo na medida do posible van ir para adiante.