
Dende o desencontro co Mariló, todo foron preocupacións. Envieille mensaxes de cariño, amables, ao móbil. Pero el nunca contesta as mensaxes. Tamén lle enviei algunha foto das nosas festas e alborotos. Pero el nunca envía fotos. Nunca contesta. A pasada semana estivemos xuntos varias tardes, á hora do solpor, gozando dos caldos de Monterrei. Díxome que non me preocupase, que pola súa parte as nosas disputas estaban esquecidas. «Reconciliación, consenso, eu non quería dicir que es un retrógrado polo teu pensamento político, nin moito menos, cousas miñas, neno, cousas miñas». E insistía niso da reconciliación e do consenso. Brindamos. Alegres marchamos para casa. O venres invitounos a unha viaxe a Sanxenxo con el e a Malucha, a súa muller. Eu estaba baixo de saúde e non puiden, como tantas veces, acompañar aos nosos amigos ao paraíso das Rías Baixas (un máis dos moitos de Galicia). Así que quedamos o Bernardo mais eu case enclaustrados fronte ao televisor. Copa América e Eurocopa, e a maiores, o Tour de Francia. Unha beizón. Nalgún momento recibín unha mensaxe. O remitente: Mariló. Non daba crédito. El, que nunca envía mensaxes. El, que nunca contesta. Tratábase de varias fotos onde aparecían, sobre a mesa, os meus crustáceos predilectos: decadópodos e cirrípedos en tamaño XXL. Que marabilla! Na foto tamén puidemos observar a cara de alegría do noso amigo, con servilleta atada ao pescozo, felicísimo. Matoume a envexa, as ganas de estar en Sanxenxo, compartir viandas exquisitas. Ía darlle as grazas pola fotografía. Despois pensei: o da reconciliación era unha broma. E a foto, unha vinganza. Porque o Mariló nunca envía mensaxes nin imaxes. Nunca as contesta.