
Era máis fácil ser feliz. A realidade consumíase, lenta, no río. As pedras acariñando os peixes, os peixes cimbrando na auga, a auga á temperatura do xeo. Despois de comer había tamén algúns ollos para extraviarse e escribir: os teus ollos de perdida han de perderme para sempre, rula. O Marito e o Kakis, que xa non están, mergullábanse co arpón na procura dunha troita xenerosa. Daquela, o río levaba troitas. Agora só barbos que semellan quenllas. Os amieiros e os choupos arrecendían a verde limón. No prado do pozo «Señoritas» xogabamos ao fútbol. O meu querido Ángel Titá, Ana, os seus irmáns e a súa nai organizaban merendas fabulosas. De noite arribabamos á praia da discoteca Niton's. Eu pinchaba a Supertramp e Pink Floyd para crear ambiente de musas, inspiradoras, amantes. Despois apagábanse as luces de sala. Acendíanse as de pista. Fume, vermellos, verdes, violetas e Gloria Gaynor visitábanos cantando, como un anxo negro, «Can't take my eyes off you». Había noites de merengue e outras con lazos de chocolate. As mozas máis lindas de Monterrei bailaban; os mozos máis lindos, tamén. Sindo dicíame «baixa o volume, poeta». Eu non facía caso. Dos altofalantes saían notas con espuma de vida. De vida. No bar do Lelo tomabamos sempre a penúltima. Había miradas que arrancaban todas as sombras. E sombras que arrastraban, de madrugada, as lágrimas e despedidas. En ocasións, sentados na beira do río, contemplamos o sol, crecendo, de laranxa e brillo. Non había demasiado que recordar. Porque recordar, ás veces, queima por dentro. Cada mañá camiño a carón do meu río. E veñen todas estas memorias a aloumiñarme. Raspan a miña pel. Algunha vez choro. Era máis fácil ser feliz.