O escritor e xornalista deixou rematado un libro de relatos que será publicado ao longo do vindeiro ano
16 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Foi un pioneiro en moitas cousas. E por riba de todo un home bo, inquedo, amante da conversa e un namorado das terras de Espartedo (Nogueira de Ramuín) e de toda a Ribeira Sacra. E, como non podía ser doutra maneira, dos homes que van detrás da roda e da linguaxe segreda dos afiadores: o barallete. Xosé Fernández Ferreiro (Espartedo, 1931 - A Coruña, 2015) finaba hai xusto un ano e con el desaparecía a persoa que participou en proxectos emblemáticos para Galicia, como o colectivo Brais Pinto -a quen el deu nome inventando un suposto afiador das súas terras que tería morto traxicamente en Madrid, cidade onde aqueles estudantes galegos creaban o grupo literario nacionalista-, e abriu novos camiños con propostas como a primeira novela do oeste galega ou a obra que manterá na historia unha das loitas emblemáticas dos galegos contra a expropiación das súas terras: Morrer en Castrelo de Miño (1978).
Próxima publicación
Encetou como poeta con
Ribeirana do Sil
(1952) e rematou novelando a guerra, os fuxidos e toda unha realidade que tivo a súa última entrega co título
Tempo de centeo
(2009). E polo camiño fomos sabendo da
Corrupción e morte de Brigitte Bardot
(1981), do
Minotauro
(1989) ou de
O último paraíso
(2001).
Unha serie de títulos que terán continuidade nun futuro próximo e que virán da man da súa editora de sempre, Xerais. Segundo o seu herdeiro literario, o escritor Francisco X. Fernández Naval, o finado Fernández Ferreiro deixou rematado un libro de relatos. Entre o material do escritor e xornalista figuraban varias versións da obra e a derradeiro quedou rematada meses antes do seu pasamento.
Unha paixón, a literaria, que Xosé Fernández Ferreiro compaxinou durante toda a súa vida coa súa profesión como xornalista. Traballou en cabeceiras como Faro de Vigo, La Noche ou El Correo Gallego e foi durante décadas xornalista de La Voz de Galicia, onde rematou a súa carreira profesional.
Un afiador na Academia
Ao longo da súa carreira acadou premios como o Galicia de Xornalismo, o da Asociación de Escritores en Lingua Galega ou o Losada Diéguez de creación literaria. Xosé Fernández Ferreiro tomaba posesión da súa cadeira na Real Academia Galega no 2013. Unha cita, a entrada dun afiador na RAG, marcada polo simbolismo: presidía a institución Ferrín, o vello compañeiro do fato dos Brais Pinto.