Débora Álvarez: «Valdeorras leva anos reclamando o recoñecemento a Delgado Gurriarán»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

O BARCO DE VALDEORRAS

Débora Álvarez preparou a antoloxía xunto con Margarida Pizcueta
Débora Álvarez preparou a antoloxía xunto con Margarida Pizcueta AGOSTIÑO IGLESIAS

As Letras lembrarán a un autor que sempre defendeu o galego oriental

27 ene 2022 . Actualizado a las 20:42 h.

A Real Academia Galega acordaba na súa xuntanza do pasado día 2 dedicar as Letras Galegas do 2022 a Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903 - Fair Oaks, Estados Unidos, 1987). Salientaba o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, á hora de comunicar a decisión que se reivindicaba a unha figura cunha dobre vertente: ao autor dunha poesía fondamente enraizada coa paisaxe cultural e xeográfica de Valdeorras e a unha persoa que tivo unha participación destacada nos proxectos desenvolvidos no exilio mexicano. Como acontecera con outros homenaxeados no 17 de Maio que serviron para dar presenza á emigración en Arxentina, as Letras Galegas do 2022 porán o foco tamén sobre os promotores de proxectos como o Padroado da Cultura Galega en México ou sobre publicacións como Saudade e Vieiros. Nese fato de galeguistas exiliados tamén haberá presenza de ourensáns como Elixio Rodríguez ou Carlos Velo. Débora Álvarez Moldes (O Barco, 1980), directora do proxecto As letras de Florencio, incide nos moitos anos de traballo reivindicativo. 

—Dende cando leva funcionando o movemento?

—Como tal As letras de Florencio empezou no 2016 e implica a varios concellos da zona, ao Instituto de Estudos Valdeorreses e aos veciños de Córgomo. Aínda que isto comezou hai moito máis tempo, cando alá polos 90 xa houbo iniciativas e logo xa con propostas dos veciños dende o 2002. E xa antes, en vida, se comezou a reivindicar o seu legado.

 —Cando foi iso?

—O IEV homenaxeouno en 1981. José Gayoso, que era íntimo amigo de Florencio Delgado Gurriarán, promoveu aquela homenaxe na que tamén se implicaron a RAG e o IEV. E foi pregoeiro das Festas do Cristo. E dende entón Valdeorras seguiu reclamando o recoñecemento para Florencio.

—O presidente da RAG salientou que será unha celebración para reivindicar o galego oriental.

—Certo. El estaba moi sensibilizado porque era consciente da perda de léxico moi importante que se estaba a dar e tamén dos dialectalismos. E traballou cos maiores e coa súa familia nese seu interese por conservalo. Deixou un dicionario inacabado. Florencio sempre fixo súa a variedade dialectal valdeorresa e o seu traballo a prol dunha lingua culta.

—Será o momento tamén do exilio galego en México?

—Si. É certo que Bos Aires sempre tivo unha especial presenza, mais en México coincidiron grandes figuras do exilio e o nacionalismo galego a reivindicar. Luis Soto, Elixio Rodríguez, Carlos Velo e moitos outros. E tamén movementos como o Padroado da Cultura Galega en México, as emisións na radio ou as publicacións. Todo iso terá un especial protagonismo nas Letras Galegas do 2022.

—Que lle recomendaría a quen quixese achegarse á obra de Florencio Delgado Gurriarán?

—Creo que hai que ler un pouco de todo para entrar en Florencio. En Bebedeira (1934) está a paisaxe, o berce e os seus alicerces valdeorreses. A súa poesía social e a memoria dos seus compañeiros é a materia de Galicia infinda (1963). Hai que fixarse tamén nos textos onde aporta unha achega importante a unha linguaxe crioula e coñecer as colaboracións e artigos que foi asinando ao longo da súa vida. Todo aporta novas facetas, dende as pezas de Cantarenas. Poemas (1934-1980) -1981- ás creacións en clave satírica ou de humor. 

—Que proxectos barallan para o próximo ano?

—Hai moitas ideas e iniciativas, máis haberá que deixar pasar o tempo para ir concretando. E coordinarnos coas institucións.

«Non hai ninguén na comarca que non sentise a demanda como algo propio»

A mañá do día 2 non se pareceu, en nada, á dun día normal. Débora Álvarez foi para o Concello do Barco e xunto a Aurelio Blanco Trincado, presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, e a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, estiveron agardando polas novas que tiñan que vir da RAG.

—Como se viviu a decisión?

—Con moitos nervios e agardando a que chegase o mediodía para coñecer o acordo. Habería que dar unha rolda de prensa: se o conseguiamos ben, e senón pois felicitar a quen lle correspondese e seguir para adiante.

—E houbo sorte.

—Foi incrible. Unha grande ledicia e unha celebración. Chamadas e parabéns dende o primeiro momento... non creo que haxa ninguén en Valdeorras que non sentise esta demanda como algo propio. E, dende xa, mandei correo aos fillos para comunicarllo.

—Como foi a reacción?

—De moita alegría e satisfacción. Pola diferenza horaria, viven en México e Estados Unidos, non era do caso chamar e mandei correos. Aos poucos minutos xa tiña contestación.

—Haberá implicación da familia?

—Seguro. Dende o primeiro momento estiveron con nós apoiando e eles senten como algo propio e moi importante que se lle renda homenaxe ao seu pai.

—Cantas veces presentaron a candidatura?

—Era a primeira vez. Si que levamos anos traballando, concienciando á xente e promovendo iniciativas ao redor de Florencio, pero como candidatura oficial foi o primeiro ano que a presentamos.

—Recuncarían de non ver apoiada a súa demanda?

—Nese escenario non sería partidaria de facelo. Creo que non se dá boa imaxe no caso de propostas que se repiten todos os anos. É a miña opinión.