Di Araceli Fernández, e fala por boca dos centos de empresarios de Valdeorras, que están frustrados coa falta de avances no proxecto da A-76. E fala a presidenta de Aeva, pero as súas palabras representan a toda unha comarca. Porque aínda que hai quen non quere a autovía polo seu importante impacto ambiental tanto na Serra da Enciña da Lastra como na Ribeira Sacra, o que ninguén discute é a frustración polo estado das comunicacións. Porque a situación non é de recibo. A N-120 hai tempo que precisa dun arranxo en condicións, e non só lavados de cara a modo electoralista de ‘bótalle aquí un pouco de chapapote para que calen’. E pouco ou nada se sabe daquel terceiro carril do que se falaba desde Os Peares á cidade, nese tramo de algo máis de 20 quilómetros nos que te podes eternizar se che toca un camión diante. E daquela para cada viaxe de O Barco á cidade das Burgas hai que reservar un mínimo de 75 minutos. E de aí para arriba se colles vehículo pesado diante. Baixar o tempo é posible... pero só facendo saltar o radar.
A frustración vén porque non hai avances dun ano a esta parte, ou dunha década a esta parte... Cando eu cheguei a Valdeorras, van xa 14 anos, o trazado estaba decidido. Desbotárase a opción de Trives para elixir que fora por Monforte despois de entrar a Galicia por Valdeorras. Desde entón, moito papel e moitos titulares, pero nin un só metro de terra remexido, e moito menos un metro de estrada construído. Nin previsión. Fan bo aquilo da canción de que 20 anos non son nada. Neste caso poderíase versionar como «en 20 anos non se fixo nada». E mentres, a seguir frustrados.