
A cita patronal dos veciños de Arcos, vencellados a este plato típico, comeza hoxe coa procesión Son en grande medida protagonistas de moitas das nosas festas, pero agora chégalles a hora de celebra-las súas. En Arcos son, maioritariamente, pulpeiros de profesión, e nestas datas xa houbo «choio» dabondo -coa celebración, sen ir máis lonxe, da Festa do Pulpo esta fin de semana pasada en O Carballiño- como para darse un respiriño.
14 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Onte celebraron -ata ben entrada a noite- o duodécimo torneo de subastao, que contou cunha participación de case 30 parexas. Para hoxe, e malia que moitos dos veciños estean desplazados na feira de Allariz, o programa de festas prevé música dende as dez da mañá a cargo da Banda Municipal, ata que ás 13:00 se celebre a misa, cantada pola Coral Polifónica de O Casino carballiñesa, e a procesión na honra da Virxe. Pola tarde preséntase o Arcos C.F., equipo que milita na terceira división do fútbol rexional, ante o Clube de Fútbol de O Carballiño no campo da Uceira. E tralo fútbol, música. Ás 22:00 actúa a orquestra Boulevard, actividade esta das orquestras que se leva o 80% do orzamento -2''1 millóns de pesetas (12.621 euros)-. Mañá, xornada laborable para moitos dos veciños debido á súa condición de pulpeiros, o único acto do día será o partido da modalidade de «fútbol 7» feminino entre os equipos de Arcos e o C.D. Cea, que conta cada ano con moita afección, sobre todo masculina. O xoves 17, día grande porque -«o día que estamos todos»-, Lira de Ribadavia porá a música previa á misa. Ás 19:00, coa música da charanga Entre nós desta vez, darase comezo á tradición do ramo, pola que uns veciños -ós que lle toque o ramo-, deben invitar á bebida de tódolos asistentes. Pola noite, doble sesión de orquestra: Capital e Alameda. ¿Que lle falta ás festas de Arcos? Pois nada, porque o pulpo servirase durante os tres días.