«Ignacio Vilar: Estou moi satisfeito coa rodaxe, temos unha gran película»

x. m. r. ourense / la voz

O CARBALLIÑO

01 abr 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Coas previsións de rodaxe cumpridas, o realizador Ignacio Vilar segue a cubrir etapas para que a versión en galego de A Esmorga chegue á gran pantalla. Nesta ocasión con Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán Morris como protagonistas.

-Cando se presentou o proxecto vostede dixo que contaba con rematar a rodaxe o 31 de marzo, ¿como van os prazos?

-Moi ben. As condicións de rodaxe resultaron moi boas para o que queríamos e iso permitiunos avanzar a bo ritmo e gravar no tempo que tiñamos previsto. De feito a rodaxe rematou o pasado venres, o 28 de marzo.

-Logo de gravar en Ourense, Ribadavia, O Carballiño e Boborás o traballo seguiu en Lugo, ¿onde rodaron?

-Na provincia de Lugo traballamos en varios escenarios. Gravamos en Ferreira de Pantón, en Escairón, no Saviñao e en Monforte (no pazo de Tor). E tamén en Touro, preto de Compostela. Alí, gravamos as dúas secuencias do estercoleiro, moi importantes na historia.

-¿Como valora o resultado do traballo desenvolvido?

-Desenvolveuse de forma marabillosa, cunha extraordinaria implicación e con moi bo ambiente cos actores e con todo o equipo. Estou moi satisfeito coa rodaxe e podo asegura que temos unha gran película. O material é excelente, logramos captar a atmosfera da novela, e creo que a cinta vai ter unha boa acollida.

-Apuntou ao mes de setembro para ter a copia, ¿dá tempo?

-Si. Agora xa imos meternos coa montaxe e as miñas previsións de traballo pasan por contar coa copia orixinal en setembro. Agora mesmo estamos coa montaxe e o 20 de abril empezamos coa música.

-¿Cando estará nos cines?

-Sempre pode haber algún atranco, pero a miña intención é que en octubro, ou novembro, estea nas salas de cine.