«Aos políticos nótaselles un discurso preparadísimo que non fixeron eles»
O CARBALLIÑO
A alumna do IES Chamoso Lamas Dana Michel Constantine foi elixida mellor oradora no certamen Parlamento Xove. Pide máis atención ás capacidades de expresión
30 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Naceu en Panamá en 1998 e reside, dende hai cinco anos, no Carballiño, a onde se trasladou coa súa familia. O aspecto físico de Dana Michel Constantine dá boa conta das súas orixes latinoamericanas, pero o seu perfecto galego provoca serias dudas sobre a súa ascendencia.
-Toda a miña familia veu de Panamá, somos todos de alá; eu cheguei para o instituto. Hoxe estudo 2º de Bacharelato no Chamoso Lamas.
-Con este centro competiu no certame de oratoria Parlamento Xove. E gañou o premio á mellor oradora, ademais.
-Si, a verdade é que nos apuntamos ao debate preparándoo como algo extraescolar, non temos ningunha materia sobre ese tema nin nada. Animounos o departamento de galego, que sempre prepara a alumnos. Eu estivera o ano pasado nun concurso de oratoria, pero era o do Parlamento europeo.
-¿Cales foron os méritos para gañar entre case un cento de estudantes?
-A lingua, ter un bo nivel de lingua e de expresión en público; a linguaxe corporal tamén e o entusiasmo; e a capacidade para falar diante dos xuíces.
-Supoño que doble mérito gañar un certame de oratoria en galego sendo de Panamá.
-A lingua é un dos factores que tiñan en conta; cada vez que cometías un fallo grave descontábanche. Non sei se tiveron en conta a miña circunstancia, pero no primeiro debate, cando empecei a falar, un do xurado díxome: Espérote o ano que vén na facultade!
-¿Cara onde vai ese camiño?
-En Bacharelato vou por Letras e penso en Tradución ou Enxeñería Informática.
-¿Que tema lle tocou para o debate?
-O tema era se os profesores determinan o futuro dos mozos. A min toucoume defender que si.
-¿É a súa verdadeira opinión?
-Non, eu penso que poden influír algo, pero que non son determinantes; tiven que defender algo que non creo.
-¿Vese con madeira de líder, dominando desa maneira a oratoria?
-Non me sinto líder, pero a xente notas como te trata, sobre todo cando saiu esta noticia do premio! A verdade é que non me dá vergoña falar enfronte da xente, gústame a palabra.
-¿E aos seus compañeiros?
-Obviamente, hai xente que se expresa moi ben, pero eu noto que hai moita máis xente que ten moita vergoña falar en público, que nin siquera é capaz de facer unha presentación diante dos compañeiros de clase. Penso que son prexuízos, moitos teñen medo a que se rían deles... Estas cousas hainas que fomentar dende pequenos. Os profesores céntranse nas notas, pero non nesas capacidades de expresión, a veces chegamos a 2º bacharelato e fállannos as cousas básicas. En Panamá hai concursos de oratoria máis frecuentemente.
-¿Algún consello para os tímidos?
-Eu diríalles que non nacimos para gustarlle a todo o mundo e que, se vivimos nun país libre onde cada un pode expresar a súa opinión, por que deberiamos ter vergoña?
-¿Como ve aos nosos políticos en oratoria?
-Eu penso que son os peores oradores porque nótase que levan un discurso preparadísimo que nin siquera prepararon eles. Comparo iso como cando tes que estudar: se fas ti os teus apuntes, depois sáeche todo moito máis natural. Os políticos teñen unha expresión forazada en público, non transmiten credibilidade.