Josi Lage: «No Fetega só temos obras de calidade»

Laura parada

O CARBALLIÑO

cedida

O programa do festival comezará coa compañía Chévere e a súa obra «Eroski Paraíso», que conseguiu o premio nacional de teatro

05 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Fetega (Festival de Teatro Galego) desenvólvese dende hoxe -e ata o día 9- no Carballiño e faino cunha gran variedade de obras teatrais.Josi Lage, actriz e directora do festival, encárgase da elección dos espectáculos que participan en cada edición.

-Este ano os premios do festival están dedicados a Dorotea Bárcena?

-Si, este ano os premios chámanse Dorotea Bárcena para facerlle unha homenaxe. Con esta actriz traballei en varias ocasións. Pedinlle permiso aos seus fillos e quedaron encantados con esta iniciativa. Así queremos que a súa memoria siga presente.

-Que se poderá ver nesta nova edición do Fetega?

-A verdade é que a programación é moi variada. Todas as obras que temos son as mellores no seu xénero e no seu formato. Nesta edición hai espectáculos moi bos. Comezamos cunha comedia documental da man de Chévere e a súa obra Eroski Paraíso. Os seguintes días tamén temos a presenza de moi boas compañías galegas. Tamén contamos cun novo espectáculo, un late show. Trátase dunha función que dependerá do público, xa que poderán elexir distintas opcións para que os actores improvisen segundo o que os espectadores elixan.

-Como é o proceso de selección das obras que se poden ver en cada edición?

-Durante o inverno adícome a ir por distintos sitios da xeografía galega para ver os espectáculos que se fan. Despois, entre o equipo, eleximos as obras de maior calidade porque sen calidade é imposible estar no Festival de Teatro Galego. Pero tamén temos en conta o orzamento co que contamos. Así mesmo damos cabida a compañías históricas e novos talentos. Apostamos tamén por ofrecer unha boa variedade, buscamos que sexan diferentes xéneros e non pisar formatos. É un labor complicado.

-Cal é o segredo do festival para que se manteña durante tantas edicións?

-Por unha parte que o público sempre responde ante esta iniciativa. E por outra, a colaboración da empresa Montañesa que sempre está presente e tamén a axuda do Concello do Carballiño e da Deputación -que subiron a aportación e puidemos alargar un día máis o festival- e tamén a Agadic. Son os grandes patrocinadores que fan posible que poidamos traer unha gran variedade de espectáculos.

-Que resposta esperan do público?

-Todos os anos conseguimos encher as funcións. Este prevemos tamén unha moi boa resposta por parte do público. Por eso aconsellamos que os espectadores fagan a reserva da entrada para asegurar a súa presenza.