«En 7º suspendín todo como un acto de rebeldía»

mar gil OURENSE / AGENCIA

O CARBALLIÑO

Santi M. Amil

A actriz carballiñesa foi unha rapaza afouta que rexeitaba as limitacións do sistema

05 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O próximo 8 de marzo a actriz Josi Lage protagonizará na Universidade de Barcelona unha performance sobre a situación das mulleres, baseada no Guernica. Coméntao como colofón a unha charla na que, se algo queda claro, é que a María José Lage González nacida no Carballiño en 1971 é unha muller que non se rende.

Demostrou a súa determinación desde moi nena. Aos 5 anos, asegura, tiña claro que quería ser actriz. E aos 13 suspendeu todas as materias -menos Ximnasia!-como un senlleiro berro de auxilio. Cursaba 7º de EXB no colexio Sagrado Corazón «e xa non podía máis con aquel ambiente rancio de entón, de cortar liberdade… A miña mentalidade ía por outro camiño. Suspender 7º era como un acto de rebeldía, non porque non me gustase estudar. Eu díxenlle ao meu pai: eu vou para perruqueira, modista ou o que sexa, pero non sigo estudando se non me sacas das monxas. Lembro que me colleu da man, sacoume do colexio e levoume ao Corral e inscribiume. Alí repetín 7º e, desde entón, notables e sobresaíntes. Foi o cambio da miña vida!».

O Corral era o nome popular da academia privada Isabel La Católica, que dirixía Juan Corral. Foi toda unha institución no Carballiño nos anos setenta e oitenta, ata o seu peche, reconvertida en colexio concertado, en 1986.

Naquelas aulas históricas topou a inqueda Josi Lage a Eulogio Alonso (Veiga, 1947), a quen volvería ter como mestre na súa seguinte etapa formativa, no Vila do Arenteiro, unha cooperativa educativa da que el foi promotor.

As linguas, galega e española, eran as súas materias. Pero, para Josi, a súa ascendencia resultou especialmente aproveitable noutros terreos: «No Vila fixen a miña primeira incursión no teatro; Eulogio deume moito». «Lembro como se fose agora O menciñeiro a paus. Ese día -subliña- sentín que me posuía algo, aínda me emociono! Eu deixei de ser eu, era como unha transformación. Levo moitísimos anos vivindo personaxes, pero aquela foi a

primeira posesión, e pensei: Isto é o que quero desde os 5 anos e non hai dúbida. Non é que queira ser actriz, é que son actriz!».

Para Eulogio, o teatro era xa unha historia con historia: «No Corral eu era o encargado de organizar os festivais de final de curso e alí empezou o teatro, por petición dos alumnos de 5º. Hai 30 anos representamos no cine Rivas As laranxas, O menciñeiro, algo d’Os Vellos… Faciamos

teatro, canto… Eu era un pouco atrevido. Lembro que o actual alcalde do Carballiño, sendo alumno, tamén actuou».

A mediados dos 80 Eulogio incorporouse á directiva do Casino cunha condición: «Conseguir un grupo de teatro e un sitio para representar. Conseguino e dese grupo do Casino, con 35 adultos e 50 rapaces, partiu Tiruleque».

«Desde logo, Eulogio era un profesor atípico -tanto, que tivo os seus máis e os seus menos coa dirección do Corral, precisa o mestre-. Gustábame por iso -salienta Josi- e porque era próximo, pero tamén serio. Penso que era moi honesto. Entregábase dunha forma desmesurada, era moi humano. Ademais, Eulogio non calaba, non se achantaba ante os superiores. Son valores nos que eu me fixei e que collín».

Por se iso non fose dabondo, as materias que impartía Eulogio -ás veces no monte, fóra da presión dos muros- foron sempre as preferidas de Josi: «A min a lingua encantábame; aínda hoxe, cando traballo os textos, encántame analizar. Despois do Vila do Arenteiro fun ao instituto número 1 e escollín letras puras, con Grego e Latín. De alí marchei a Xixón, á Escola de Arte Dramática, que en Galicia non había. Ao rematar quixen abrir no Carballiño unha escola de teatro para darlle opcións a xente coma min».

Foi o nacemento da compañía Nove-Dous, da experiencia da escola dramática municipal, da dirección do Festival de Teatro Galego (Fetega), da docencia en varias cidades galegas… Historias da historia entre escenarios e pupitres.

Unha excursión moi ilustrativa e unha vocación contundente

A imaxe que Eulogio Alonso ten de Josi Lage -«para min sempre foi María José»- queda plasticamente reflectida nunha anécdota escolar: «En 1987 organizamos unha excursión a pé aos Milagres, durmindo en tendas de campaña durante 10 días. Ela foi a única muller que se apuntou! Era moi decidida. Inquieta, pero dócil, nunca irrespectuosa. Era moi participativa e no teatro acórdome que actuaba con toda a forza do mundo, ela botábase ao mundo!».

«Eu non sei o que sentirán os curas cando falan de vocación -intervén Josi-, pero o meu foi así. Eu veño de familia de pulpeiros, non tiña ningunha referencia, pero nacín para isto. Onde me sinto mellor é encima dun escenario e gustaríame que o meu velorio fose aquí, no Auditorio do Carballiño».