Non era Gabriel Alonso un home que aspirase a converterse nun referente artístico. Naquela casa de pedra, con patio anterior, accedíase a outro mundo. A un espazo máxico onde moitos dos teus amigos, das familias do lugar, ti mesmo e algunha outra xente que non coñecías servían de escenario de benvida naquela vivenda-estudio chea de fotos penduradas e tiras de negativos a secar. Non precisaba gran cousa para o traballo do diario: unha cadeira de madeira, un pano branco pendurado nunha porta da casa da outra beira da rúa e as palabras máxicas: «Agora non te movas». E zas! En papel fotográfico per vitam aeternam.
O alcume do bo de Gabriel Alonso, O Potiños, rematou por ser o nome escollido polos afeccionados á fotografía do Carballiño cando decidiron xuntarse e crear unha asociación. E agora O Potiños servirá para lle dar un novo escenario, provisorio mais cheo de boas e sentidas intencións, para que o Outono Fotográfico non remate por ser un mal revelado, un pesadelo daquilo que formou parte de nós e xa non está.
A colaboración O Potiños-Outono Fotográfico abre unha nova etapa. Non será un novo OF, ninguén o pretende, mais si unha mensaxe clara dunha realidade fonda: a dos que queremos que non se perda o Outono Fotográfico, que pedimos unha fonda reflexión para ver como se pode saír desta lea sen sentido -falar, hai que falar, non se perde nada por falar, dialogar, consensuar- e que a cidade, a provincia, Galiza, Portugal e outros países se enchan das mellores imaxes. Aínda estamos a tempo de conseguilo.