Dolores Fernández: «Son unha persoa de paz»

O CARBALLIÑO

PACO RODRÍGUEZ

A valedora do pobo di que os seus primeiros meses no cargo foron intensos e ilusionantes. No tempo libre, entre outras cousas, fai ioga

03 dic 2019 . Actualizado a las 15:14 h.

Estase ben no despacho da valedora. Un sofá cómodo e unha conversa estimulante. Despois de trinta anos na maxistratura, Dolores Fernández (O Carballiño, 1963) goza do novo reto, da proximidade. Ten uns ollos que brillan e unha risa que sae con frecuencia. O seu marido tamén sae na conversa cada pouco. Xa o verán.

-Como lle chaman os seus? Dolores, Lola...?

-Para meus pais son Mariló; para o meu marido, Lola; dende que empecei a traballar son Dolores... Co que máis me identifico é co de Lola.

-Leva xa catro meses no cargo, como vai a cousa?

-Catro meses moi intensos, moi ilusionantes e de moita responsabilidade.

-Vostede vén dunha audiencia. Mellor aquí?

-Cada cargo é distinto. Ambos están ao servizo da cidadanía, aínda que a xustiza ten limitado o seu campo. Alí xulgaba, e aquí resolvo sen xulgar. Nun lado o traballo remata coa execución da sentenza, e neste o labor é de persuasión. E logo está a proxección pública, porque o xuíz está moi metido cara a dentro e este cargo é máis de interactuar coa sociedade.

-Aínda hai moita xente que descoñece a institución, xente nova.

-Gustaríame conectar coa xente, sobre todo coa xente nova. A valedoría é unha canle na que poderían, por así dicilo, estrearse no exercicio dos dereitos. Aprendendo a reclamalos. A maior parte das queixas exprésanse telematicamente, e esa é unha das características desa xeración: o uso das tecnoloxías. Poderían presentar reclamacións por asuntos de medio ambiente...

-É unha preocupación máis nova.

-Si... aínda que na xeración de meus pais había xa unha conciencia clara da reciclaxe. Non tiraban nada.

-Agora xa non ten que levar toga. É un alivio?

-A toga forma parte das formas da xustiza, do procedemento. E o procedemento é garantía. Agora estou sentada nun sofá e a mesa está alí. Se fose unha entrevista a unha xuíza seguramente estariamos na mesa. A ausencia de formalismo é algo que engancha.

-Por que estudou Dereito?

-Porque miña irmá elixiu Medicina. Eu quería facer algo diferente. Para afirmarme, supoño. Lémbrome que meu pai me preguntou que fora o que escollera, e cando lle dixen que Dereito, contestoume: «Moi ben, ten moitas saídas».

-Como era de pequena? Tranquila, revoltosa...?

-Tiña as dúas caras: era formal, pero, se me daba o punto, era travesa. Teño algunhas travesuras que as contei na casa cumprida xa a maioría de idade.

-Conte, conte...

-Non, non. Off the record. Pero o que lle podo dicir é que estaban vinculadas a unha causa xusta.

-Lembra algunha inxustiza á que asistira e que a mobilizara?

-De nena, por exemplo, recordo no colexio a unha monxa pegar a unha interna nas pernas cunha regra de madeira. E recordo a rapaza sentada ao meu lado coas pernas marcadas. E, nese contexto, produciuse unha das travesuras.

-Sendo do Carballiño dominará as técnicas do polbo...

-Sei preparar o polbo e sei gozalo. E hai que dicir que como sabe o polbo do Carballiño non sabe ningún.

-Volve por alí?

-Todas as fins de semana.

-Que fai cando non traballa?

-Vou co meu marido a pasear. Damos grandes paseos. E tamén somos cinéfilos, vemos cine xuntos.

-Fai deporte?

-Facemos ioga, xuntos tamén. Empezamos facendo pilates, pero pasamos ao ioga e enganchounos.

-É capaz de non facer nada?

-Eu desconecto máis que o meu marido. Quizais é unha calidade máis feminina. O ioga axuda a que poidas estar cara a dentro.

-Celta ou Dépor?

-Son do Real Club Deportivo, pero da liga Genuine.

-Como?

-É unha liga na que xogan equipos con xogadores que teñen algún tipo de discapacidade. Comecei a interesarme despois de ver a película Campeones.

-Defínase en poucas palabras.

-Son normal. Honesta. Xusta. Son unha persoa de paz.

-É crente?

-En algo creo, si. En Dersu Uzala, a película de Kurosawa, o protagonista di sempre: «Hai xente boa e hai xente mala». Niso creo, en que hai xente boa e iso move o mundo.

-Como lle explicaría Galicia a un estranxeiro?

-Diríalle que é verde e que ten o mellor mar do mundo, onde vive unha xente que é protagonista, que fai grandes cousas, pero que non se dá importancia.

-Cal foi o último lugar ao que viaxou?

-Sicilia.

-Que lle resulta repugnante?

-A inxustiza e a falsidade.

-Dígame unha canción.

-Thank you, de Led Zeppelin, pero a versión de Lizz Wright.

-Que é o máis importante na vida?

-O que teño. O meu marido, os meus fillos... A miña familia.