Garabatos de xogos abre o programa con «Unha armadura con ferruxe»
20 ago 2024 . Actualizado a las 11:44 h.Do 20 ao 23 • 19.00 horas • Parque municipal do Carballiño • A entrada principal do parque carballiñés, o entorno da estatua dos irmáns Prieto, será o escenario onde se poderá gozar esta semana das actuacións do Festival de títeres do Carballiño. Serán catro sesións de monicreques e obradoiros que se desenvolverán nesta zona da vila e que, en caso de chuvia, se trasladarán ao Auditorio Manuel María. Para este martes está prevista a presenza do grupo Garabatos de xogos, que traerán a súa montaxe «Unha armadura con ferruxe». É una obra de teatro infantil e monicreques dirixida a un público a partir de tres anos. Haberá un «obradoiro de títeres» para nenos a partir de catro anos.
Barafunda SL chegarán ao parque o mércores co seu espectáculo «Pepiña Maruxiña quere voar» e tamén haberá obradoiro de «títeres».
O xoves será o día de toda unha institución na escena galega. Os Monicreques de Kukas estarán coa obra «Xan Perillán e a maleta máxica» e ese día haberá obradoiro de maxia de reciclaxe.
Para a xornada de clausura contarase coa presenza de Micromina e a súa montaxe «Cousas da casa». O taller será de monicreques de cartón.