A Deputación apoiará a estrea de Ledicia Sola como directora

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

Menor anunciou o apoio da Deputación á película de Sola e Zarauza
Menor anunciou o apoio da Deputación á película de Sola e Zarauza Cedida

«As augas» será a ópera prima da actriz, que terá a Alfonso Zarauza como produtor

11 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ledicia Sola e Alfonso Zarauza contan cunha ampla traxectoria no audiovisual. E traballaron xuntos na película Malencolía, cinta do director compostelán rodada no Carballiño no ano 2021 que tiña entre os seus protagonistas á actriz ourensá. Os dous son os promotores da que será a ópera prima de Ledicia Sola como directora: o filme As augas. Desta volta Zarauza exercerá de produtor do proxecto. 

Na pasada edición do Ourense Film Festival a proposta foi unha das que se deu a coñecer no OUFF Lab, a sección creada no 2024 que tiña como obxectivo servir de plataforma para que os directores presentasen as iniciativas nas que estaban a traballar e que se converterán —se nada se torce— nos próximos títulos do cinema galego.

As augas sumou onte un novo apoio ás axudas coas que xa conta: a da Deputación de Ourense. Sola e Zarauza mantiveron unha xuntanza con Luis Menor e dende a institución provincial anunciouse a colaboración coa rodaxe do filme. «A Deputación sempre está e estará ao carón da Cultura e do cine. E neste caso era irrenunciable que a Deputación estivera neste proxecto, polo seu marcado carácter ourensán. O mesmo non só pon en valor a creatividade ourensá, senón que tamén promociona a imaxe da nosa provincia, que é tan fundamental», sinalou o presidente provincial. A ópera prima de Ledicia Sola será un filme de carácter autobiográfico e a propia actriz foi a autora do guión e será a directora de As augas. 

Rodaxe íntegro na provincia

A realizadora e o produtor amosáronse entusiasmados co proxecto e «encantados de filmala integramente en Ourense, con temática netamente ourensá, escrita e dirixida por unha ourensá. Para nós e un orgullo, cremos no potencial da provincia, no encanto das súas vilas, beleza da súa paisaxe e na forza da súa gastronomía, da súa cultura e dos seus viños», sinalaron Ledicia Sola e Alfonso Zarauza logo da xuntanza.