
A adquisición da adega don Mario abre a expansión de Viña Costeira
12 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.A bandeira Viña Costeira, que é unha das máis coñecidas e recoñecidas da Galicia vitivinícola, chega a Valdeorras. Nomeado Andrés Rodríguez Gómez (Ourense, 1981) presidente da cooperativa vitivinícola do Ribeiro na asemblea celebrada a finais do pasado ano, coñecedor xa entón do discreto traballo na procura dun tinto ao que se lle puidera colocar a etiqueta que é santo e sexa da casa, tocoulle a el rubricar a operación. E, indirectamente, estrearse cun gran proxecto.
-É unha inversión moi medida e moi controlada. A primeiros do ano pasado fixemos un grupo de traballo e un plan estratéxico a tres anos. O obxectivo é acadar un incremento de facturación en torno ao 30% para chegar a un 40% nos beneficios. A situación económica non mellora. Non quedaba outra que investir. E facelo no que sabemos, aproveitando a nosa comercialización, a nosa distribución e a marca. Queriamos un mencía de calidade e aí estamos.
-¿Por que en Valdeorras?
-Valoramos Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras. Visitamos moitas adegas, analizamos os pros e os contras, e hai unhas semanas que chegamos a un acordo para adquirir a antiga adega don Mario. Está feito.
-É dicir, que se expanden obrigados polas circunstancias económicas e a necesidade de medrar. ¿Non estaremos ante unha manobra especulativa?
-Non. Se imos a Valdeorras, e xa estamos alí, é para quedarnos. O primeiro que queremos é explicar aos viticultores como somos e como traballamos. O primeiro é ofrecer contratos multianuais, garantir un bo prezo, e tamén o pago. De sempre temos o costume de pagar aos provedores xusto despois de que se aproben as contas na asemblea que celebramos nas datas de Nadal.
-Quererán entrar con forza o primeiro ano. ¿Ata onde están dispostos a pagar a uva?
-Non nos imos poñer tolos. O primeiro ano custará, seguro, pero ogallá en tres anos esteamos en 500.000 botellas. Temos moita confianza. No Ribeiro somos 580 socios e 360 provedores. Temos un acordo a longo prazo sobre a viña da adega, que son 22 hectáreas, e iso da tranquilidade. É difícil saber con cantos viticultores teremos que firmar acordos, pero agardo que sexan máis de cen.
-Esta fin de semana teñen, como di vostede, unha ?quedada? cun primeiro grupo de viticultores de Valdeorras para se acheguen ao Ribeiro, que vexan a adega, e que empecen a coñecer como fan vostedes as cousas. ¿Sinte que son ben recibidos?
-Sen dúbida. Percibo que temos boa imaxe, que a xente valora a marca, e que se nos ve con proximidade. Mesmo penso que os competidores, no mellor sentido, nos reciben ben. Penso que para Valdeorras é unha boa noticia que nós vaiamos alá. Agora mesmo estamos na fase de explicar que somos viticultores. E que o noso estilo de traballo e de relación vai moito máis alá da mera recollida de uva na vendima. Facemos cursos, formamos e informamos ao viticultor.
andrés rodrÍguez Gómez presidente da cooperativa vitivinícola do ribeiro
A creación dunha sección de crédito para animar as inversións dos socios, o novo reto
O presidente da Vitivinícola do Ribeiro, neto dun dos fundadores da adega, Manuel Gómez Franqueira, é un viticultor vocacional que profesionalmente se desenvolve no sector financeiro, que coñece ben. Como tamén sabe das interioridades da sociedade da que agora é presidente, sucesor de Manuel García Montero, que levaba décadas no posto, e con quen mantén unha excelente relación. É como se a discreción fora unha norma para o cargo. Aínda que hai cousas que só deixa asomar, a expensas de que a masa social conceda a luz verde, Andrés Rodríguez vai anticipando que haberá unha sección de crédito dentro da adega. Axudar aos socios que o precisen, en definitivo, aproveitando a tesourería propia e as contas saneadas da cooperativa. É un dos proxectos do curto prazo.
-Viña Costeira ten que medrar. Hai dous anos, os nosos ingresos eran de 300.000 euros. Agora estamos en 90.000 euros. ¿Cantos miles de botellas habería que vender para suplir esa notabilísima diferenza? Imposible. Pola nosa esencia, como cooperativa, non investimos en capital risco. E se caen os tipos a prazo fixo, caen tamén estes ingresos. ¿Que nos queda? Investir. Temos que facer cousas co noso diñeiro, con cabeciña, pero facer cousas. Non podemos deixarnos ir.
-¿O de Valdeorras, por exemplo, entra nesa perspectiva?
-Por exemplo. Supón unha parte residual da nosa tesourería a inversión que estamos a facer en Valdeorras. ¿Que pode supoñer? Arredor dun dez por cento do noso colchón de tesourería.
-Leva pouco tempo como presidente, pero ten, seguro, unha idea de como andan as cousas coa administración e co consello regulador do Ribeiro...
-Para os nosos plans de rexuvenecemento temos moita confianza en que a administracións brindará apoio, pois é un beneficio colectivo. Ata o de agora sempre se nos tivo en conta, sentímonos considerados e valorados, ao mellor non tanto como a outras zonas, pero iso sempre se pode corrixir. Canto ao consello regulador entendo que nos últimos tempos estanse facendo ben as cousas. Cambiou o ritmo de traballo. Temos que facer marca do Ribeiro e darnos a coñecer. Nós non podemos vender viños baratos. O Ribeiro é outra cousa. Cos viños baratos acabariamos afogando. Sempre vai aparecer outro que ofreza prezos máis baixos.
«Precisamos xente nova e parcelas máis grandes»
O novo presidente da primeira adega do Ribeiro non é alguén que acabe de chegar. Nos últimos anos do mandato de García Montero xa estaba no consello interno de vixilancia, unha especie de auditoría interna de contas.
-¿Ve receptividade? ¿Cree que a súa xuventude, que contrasta abertamente coa medida de idade dos socios, xera dúbidas?
-Vexo, sobre todo, moita expectación. De momento, cos socios cos que levo falado sinto que son ben acollido, aínda que nalgún caso si o noto, pero menos, moito menos, do que podería pensar.
-Igual a súa idea anima a outras persoas a entrar no mundo de viño e pensar na viticultura como unha alternativa...
-Sería ideal. Temos un proxecto de hai anos, que chamabamos 2020, para que xente de menos de corenta anos ampliara a superficie de viñedo. Imos volver sobre el, sabendo que precisaremos axuda da administración. Precisamos xente nova e parcelas máis grandes no Ribeiro. Eu mesmo teño intención de plantar algunha viña máis.
-¿Será posible variar o esquema da viticultura como segunda actividade no Ribeiro?
-É importante rexuvenecer o Ribeiro. Cando o ano pasamos fixemos unha viaxe con socios por Rioja, e Ribera del Duero, en fin de semana, non había xente traballando nas viñas. Aquí chega a fin de semana e hai atasco de tractores. Cando arrancamos co proxecto 2020, pensabamos en xente nova, con 5.000 metros cadrados de viñedo e unha actividade principal na industria. A crise fai que esta premisa falla. E como actividade única, media hectárea non da para vivir. Hai que chegar a que haxa persoas de menos de corenta anos, que dispoñan de dúas hectáreas e poida vivir ben do seu traballo.
-Pero xuntar dúas hectáreas no Ribeiro é moi difícil, ¿non?
-Xa sei. Temos a terra máis cara de España e fincas pequenas, cunha media por pezas de catrocentos metros cadrados, salvo en San Andrés, onde hai anos se fixo a concentración. É todo carísimo, con prezos prohibitivos na maioría dos casos, cando non directamente imposibles ao non aceptar os donos a venta da súa terra. Ben sei todo iso. Como que é un labor difícil. Pero dende o punto de vista económico é preocupante o censo de idade dos viticultores, e non só para unha empresa como a nosa, senón para o conxunto da denominación de orixe, polo que supón. Temos que dar exemplo e tentar modificar a situación.