Ruando pola Coruña, Vigo e Ourense, cinco horas en cada unha, a mente e a palabra rememoran binomios virtuosos: democracia e Constitución, autonomía e Estatuto, Europa e solidariedade.
O tramo da Autopista do Atlántico entre Santiago e A Coruña é, sen dúbida, o mellor polo seu bo trazado a través dun territorio inundado de verde primaveral. O paseo pola cornixa da península, aberta ao mar e aos longos horizontes, é inspirador. Polo norte ventea con forza, pero dando a volta ao pé da Torre o camiño queda protexido e hai un banco que convida a contemplar e pensar. A Real Academia e os símbolos de Galicia; as Irmandades da Fala; o vello cárcere abandonado onde fomos reivindicar a amnistía e nos detiveron por última vez. A masiva manifestación a prol do Estatuto en 1977 e a menos unitaria do 79, que se deu en chamar da aldraxe.
A Vigo a autoestrada chegou tarde, despois dun intenso debate entre os que estabamos a favor e os que se opoñían á navallada. Por vías de alta capacidade, que nos sorprenden con algunhas das vistas máis espectaculares de Galicia, sobre a ría e as illas Cíes, chegamos a Samil, onde imos enfiando praias desde o grande areal que algún día verá rexenerada a duna fósil e o piñeiral. Quizais se estea pensando no deseño dun bulevar pola Beiramar, integrando as industrias navais como pezas singulares da paisaxe urbana.
Vigo, berce do segundo rexurdimento iniciado polo grupo Galaxia, xogou un papel destacado na xestación do Estatuto, como outro epicentro das manifestacións do 77 e o 79, e en 1982 tivo un peso decisivo na aprobación da disputada Lei de fixación da sede das institucións autonómicas, seguida pacificamente, anos despois, pola Lei do estatuto de capitalidade.
O ferrocarril é o transporte do futuro inmediato. En chegando a Ourense, nun cómodo treito a pé entre a estación e a cidade histórica, detémonos sobre a Ponte por antonomasia, desde a que se aprecia un repertorio histórico de enxeñaría, máis ou menos afortunado, a ganduxar as frondosas beiras do Miño que incitan a unha andaina memorable ata a ponticela de Outariz.
Ourense está na onda co gallo do centenario da revista Nós. Arredor do grupo de Risco, Cuevillas e Otero Pedrayo, Losada Diéguez e Noguerol, xestouse, no breve período entre 1920 e 1936, a gran renovación da cultura galega en todos os eidos do coñecemento humanístico.
De volta á casa, un pensamento recorrente. Santiago é a cidade que representa a autonomía de Galicia, pero as cidades simbólicas corren o risco de ser pasado.