O Premio Pedra Alta 2024 é para o historiador Edelmiro Martínez Cerredelo

La Voz OURENSE

OURENSE CIUDAD

O historiador limiao, Edelmiro Martínez Cerredelo (Miro)
O historiador limiao, Edelmiro Martínez Cerredelo (Miro)

O Museo da Limia recoñece a longa traxectoria do investigador limiao

21 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo da Limia, ubicado en Vilar de Santos, acollerá o día 9 de novembro o acto de entrega do Premio Pedra Alta, que o seu padroado otorga a persoas ou entidades cuxa obra ou labor é capaz de proxectar unha pegada merecente de recoñecemento nas terras do Limia ou, sendo nacido nelas, proxecta fóra o nome desta comarca ourensán. Quen recibirá nesta edición ese recoñecemento é o historiador Edelmiro Martínez Cerredelo (Xinzo de Limia, 1946). 

Na persoa de Miro, que é como se lle coñece entre os máis achegados, o Museo da Limia quere «renderlle unha homenaxe aos eruditos locais, que mercé ao seu esforzo e teimosía tanto levan contribuído ao coñecemento da historia que nos nos é máis próxima», matiza a resolución do padroado. Edelmiro Martínez Cerredelo ten xa o título de Fillo Predilecto de Xinzo de Limia dende o 2022, e o xurado destaca os numerosos méritos acumulados para obter tamén este Predra Alta. Lembra que dende que no ano 2006 obtivo o título de Graduado Universitario Sénior pola Universidade de Vigo acometeuo un «intenso e fecundo traballo de investigación e difusión centrado na memoria máis próxima das terras da Limia, un campo case ermo antes del».O seu primeiro libro foi A prensa en Xinzo de Limia. Século XX (1911-1925). Dous anos máis tarde, ve a luz a Historia e memoria. A Limia:1931-1953.

O labor pescudador e divulgador levouno a indagar en períodos máis afastadosda historia, como queda patente en Julián Toubes (1796-1870. O correxedor que quixo desecar a lagoa (2009). Historia de Xinzo de Limia; ou Xinzo de Limia na memoria, do 2012 e o 2016, respectivamente, foron outros dos seus traballos. Destaca tamén o xurado tres das súas obras que abordan a traxectoria de manifestacións lúdico-culturais do territorio: Antela Fútbol Club. Centenario 1919-2019; O Entroido en Xinzo de Limia. Tradición. Respecto. Sentimento; e Historia Musical de Xinzo de Limia, traballo publicado no 2021. Tamén fan fincapé na súa colaboración con revistas e periódicos. «Edelmiro Martínez Cerredelo ilumina cos seus traballos e co seu saber distintas épocas da historia da chaira limiá que dormían no silencio e no esquecemento, espléndido agasallo para a veciñanza que se pode reconciliar agora co seu pasado e fai memoria de persoas e acontecementos que propiciaron A Limia de hoxe», destaca o fallo do xurado.

O galardón, unha réplica en granito da Pedra Alta feita polo escultor Xosé Lois Carreira, e o diploma que acompaña ao recoñecemento, terá lugar o 9 de novembro nun acto que contará co acompañamento musical do pianista Luis Humberto Cao e do tenor Baldomero Pavón, e concluirá con un cocido limiao.